Unha historia de esperanza en Sudán

A situación humanitaria en Sudán segue sendo complexa. Cinco anos despois do Acordo Xeral de Paz (CPA), cuxo obxectivo era pór fin a máis de 20 anos de conflito, o país segue tendo que facer fronte a grandes desafíos. Actualmente, ao sur de Sudán, estase levando a cabo un referendo de autodeterminación.

A infancia en Sudán enfróntase cada día a condicións difíciles.305.000 nenos morren anualmente antes de cumprir cinco anos, e case a metade dos nenos, o 40%, sofre problemas no crecemento. Isto acontece nun país onde preto da metade dos seus 39 millóns de habitantes son menores de 18 anos e 6 millóns son menores de 5.

A educación é un dos retos pendentes no país. Só o 53% dos nenos en idade escolar asiste á escola. Porén, cada vez son máis as familias que se decatan da importancia que xoga a educación para os seus fillos, incluíndo as nenas, que representan aproximadamente un de cada seis compañeiros de Mark, o protagonista da nosa historia.

O reto da educación

A escola ofrécelles unha saída aos nenos vítimas do conflito e no sur de Sudán converteuse nunha das grandes recompensas da paz. Na escola á que acode o noso  protagonista, Mark, de 19 anos, e que apoia UNICEF, estudan, por primeira vez xuntos tras anos de conflitos, nenos de diferentes etnias e tribos.

Mark é un ex neno soldado. Trátase dun mozo de excepcional resistencia e determinación, que coma moitos outros mozos, provén dunha familia rota polo conflito civil.

Hai oito anos, cando tiña 11, Mark separouse dos seus pais durante un brote de violencia na vila onde vivían preto de Jartum, a capital de Sudán. Cando os soldados atacaron un pozo onde os aldeáns recollían auga, Mark correu nunha dirección, mentres os membros da súa familia fixérono na outra.

[]

 Mark terminou vagando só dun lugar para outro. Finalmente, uniuse a un grupo rebelde, que loitaba contra as tropas do Goberno de Sudán. Era unha forma de sobrevivir, de poder alimentarse e vestirse. Ao cabo de tres anos, e tras ser testemuña da morte brutal de varios dos seus compañeiros, tamén nenos soldado, escapou nun barco que se dirixía cara ao sur, ao longo do río Nilo.

O barco chegou finalmente a Juba, a cidade máis grande no sur de Sudán, onde desembarcou. Descubriu que o Goberno rexional, co apoio de UNICEF, estaba deseñando o programaIr á escola, co obxectivo de queos nenos que non tiveran  acceso á educación como consecuencia do conflito tivesen acceso á escola. Agora Mark asiste a un colexio de educación básica en Juba, construído por UNICEF e os seus aliados, e considérase afortunado.

Gustaríalle estudar medicina ou unha profesión semellante para axudar á reconstrución do seu país tras décadas de guerra.

Avances e retos na educación

A pesar dos avances, seguen existindo grandes retos para a educación do sur de Sudán. O Goberno rexional aínda non logrou pór en práctica a supresión oficial das taxas escolares, e as cotas son moi altas. Sen ningún apoio familiar, Mark traballa pola noite, nun posto onde vende bebidas frías, e así poder pagar a escola primaria. Ten a esperanza de continuar na escola secundaria e logo poder ir á universidade.