Somalia: a vida dos nenos en perigo, cada vez máis

UNICEF manifesta a súa preocupación extrema polo impacto que está a ter nos nenos a escalada da violencia no conflito de Somalia. "Cada vez máis nenos e civís están atrapados no medio dos ataques e do lume cruzado no sur e centro de Somalia", afirmou o Representante de UNICEF en Somalia, Sikander Khan. "Durante as últimas semanas estamos a ver un aumento moi preocupante de mortes e feridas graves a nenos. "

Segundo o sistema de supervisión e informes da ONU sobre violacións graves dos dereitos da infancia, 24 nenos foron asasinados no conflito durante o pasado mes de outubro, case o dobre dos asasinatos de nenos producidos mensualmente neste ano. Ademais, 58 nenos sufriron feridas graves en outubro, converténdose no mes con maior número de nenos feridos a consecuencia do conflito armado en Somalia este ano. No que vai de 2011, confirmouse que preto de 300 nenos sufriron lesións graves e máis de 100 morreron a consecuencia do conflito."A pesar de que confirmamos estas cifras de nenos asasinados e feridos graves, é probable que a dimensión sexa moito maior, con moitos máis nenos asasinados ou feridos que non se puideron confirmar", sinalou Khan.

Reclutamento de nenos polos grupos armados

Tamén é obxecto de preocupación o recrutamento e autilización de nenos por parte de grupos armados e a violencia sexual contra nenos emulleres. Este ano, o sistema de supervisión e informes da ONU confirmou que máis de600 nenos foron recrutados e utilizado por parte de grupos militares, e uns 200 foron violados, na súa maioría nenas. "As vidas dos nenos de Somalia están cada vez máis en grave perigo debido á escalada do conflito. De acordo co dereito internacional, facemos un chamamento a todas as partes no conflito en Somalia para que deteñan todas as matanzas, mutilacións, o recrutamento e as violacións de nenos. Débese garantir a seguridade e a protección dos nenos ante calquera acto hostil", dixo Khan.

A escalada de violencia tamén pon en perigo a subministración de asistencia humanitaria aos que máis o necesitan. "Moitos dos centos de miles de nenos que xa se enfrontan a unha situación de vida ou morte debido á fame e as enfermidades, agora fan fronte ao risco de que se paralice a axuda humanitaria. Facemos un chamamento a todas as partes para que nos permitan responder de xeito rápido e completo aos nenos e as mulleres que o necesitan.As vidas de miles de nenos están en xogo e son a nosa responsabilidade", declarou Khan.