COVID-19: entregamos á Xunta de Galicia 30 portátiles para centros de protección de menores

A empresa galega Plexus Tech doa tamén 15 tabletas electrónicas e 15 auriculares a UNICEF.

Tabletas centros de menores Galicia

01/06/2020

UNICEF Galicia fixo entrega de 30 computadores portátiles á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para a súa distribución nos centros de menores da comunidade.

Grazas a estes dispositivos electrónicos, nenos, nenas e adolescentes dos centros de menores de Galicia poderán continuar os seus estudos en remoto durante a crise sanitaria provocada pola COVID-19. Así mesmo, permitiralles estar en contacto cos seus seres queridos e denunciar posibles abusos ou casos de malos tratos se o necesitan.

Con esta iniciativa UNICEF pretende reducir a fenda dixital e educativa provocada pola COVID-19, garantindo o dereito a unha educación de calidade e inclusiva para todos. A educación non pode parar. En situacións de emerxencia como a actual, a educación ofrece protección e reduce as repercusións psico-sociais da crise, ao ofrecer un sentimento de normalidade, estabilidade, estrutura e esperanza aos nenos e nenas.

A desigualdade no nivel de vida dos nenos maniféstase, entre outros aspectos, na fenda dixital, no acceso a dispositivos electrónicos e a internet, que nesta emerxencia quedou de manifesto: moitos nenos de familias vulnerables ou nenos que viven no sistema de protección non teñen acceso a estes recursos.

Desde UNICEF España estamos a facer entrega duns 2.100 dispositivos electrónicos –tabletas electrónicas e computadores portátiles– a centros de protección de menores de diversas comunidades autónomas. Ademais, e co obxectivo de promover unha atención de calidade a estes nenos, puxemos en marcha unha plataforma con diversas ferramentas de apoio técnico e emocional para os profesionais que están ao seu cargo.

Nos próximos días distribuiranse, ademais, 15 tabletas electrónicas e 15 auriculares doados a UNICEF pola empresa galega Plexus Tech. Grazas a estes dispositivos electrónicos, nenos, nenas e adolescentes dos centros de menores de Galicia poderán continuar os seus estudos en remoto durante a crise sanitaria provocada pola COVID-19.