Estado Mundial de la Infancia: Edición Especial (Estado Mundial da Infancia: Edición Especial)

O 20 de novembro de 2009, a comunidade mundial celebra o 20º aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno. Trátase do tratado internacional de dereitos humanos máis amplamente ratificado na historia e as súas 54 disposicións, e os Protocolos Facultativos que o acompañan, articulan todo o conxunto de dereitos civís, políticos, culturais, sociais e económicos de todos os nenos e nenas, sobre a base de catro principios fundamentais: a non discriminación; o interese superior da infancia; o dereito á vida, a supervivencia e o desenvolvemento; e o respecto polos puntos de vista dos nenos e nenas.

Estes principios orientan as actividades de todas as partes interesadas, incluídos os propios nenos e nenas, na realización dos seus dereitos á supervivencia, o desenvolvemento, a protección e a participación.

Asinada por todos os países do mundo, e ratificada na actualidade como lei por todos excepto dous, a Convención consolidouse nas lexislaturas nacionais e locais, e serviu para motivar aos gobernos de todo o mundo a considerar os dereitos e o desenvolvemento da infancia como un dos elementos principais dos seus programas lexislativos.

Dende o ano 1990, máis de 70 países incorporaron o código sobre os dereitos da infancia na lexislación penal, como parte das súas actividades de reforma xurídica baseadas nas disposicións da Convención.

Esta edición especial do Informe sobre o Estado Mundial da Infancia, revisa os progresos realizados dende que existe a Convención sobre os Dereitos do Neno e salienta a necesidade de realizar un esforzo aínda maior para que todos os nenos e nenas de todo o mundo vexan garantidos todos os seus dereitos.