UNICEF: A sentenza contra Charles Taylor é unha advertencia a outros líderes de conflitos armados

A sentenza contra o ex presidente liberiano Charles Taylor, ditada polo Tribunal Especial da ONU para Serra Leoa, é unha vitoria para os nenos que foron recrutados e utilizados na guerra, ademais dunha advertencia para outros líderes e señores da guerra, dixo hoxe UNICEF.  

Taylor foi declarado culpable de apoiar e ser cómplice de crimes de lesa humanidade, crimes de guerra e outras graves violacións do dereito internacional, cometidas polas forzas rebeldes en Serra Leoa. No xuízo, celebrado Na haia, imputáronselle 11 cargos que inclúen o alistamento, recrutamento e utilización de nenos menores de 15 anos. A fiscalía argumentou que se trataba dun dos máximos responsables dos crimes cometidos polas forzas rebeldes entre 1996 e 2002. "Para os miles de nenos que foron brutalmente agredidos, explotados e usados como armas de guerra, o veredicto de hoxe contraCharles Taylor pode que os axude a curar as súas feridas, aínda que non borre as atrocidades que sufriron", dixo Anthony Lake, Director Executivo de UNICEF. "Esta é a primeira condena contra un Ex Xefe de Estado por axudar e instigar tales crimes. Este é un ano no que os nenos están a ser os claros gañadores, e tamén un momento contra a impunidade, mesmo dos poderosos. " O veredicto contra Taylor prodúcese tras a sentenza ditada pola Corte Penal Internacional o 14 de marzo contra o ex comandante congolés Thomas Lubanga, acusado de crimes de guerra por recrutar nenos menores de 15 anos no seu movemento armado na República Democrática do Congo en 2002 e 2003.

O recrutamento e a utilización de nenos en conflitos está prohibido polo dereito internacional, e constitúe un crime de guerra cando os nenos son menores de 15 anos. A miúdo son os nenos máis vulnerables os que corren o risco de ser recrutados por forzas ou grupos armados, xa sexa mediante o recrutamento forzado ou impulsado por factores como a pobreza, a violencia ou por razóns ideolóxicas. Durante a guerra civil en Serra Leoa, UNICEF traballou directamente con todas as partes para rescatar os nenos que foran recrutados. Nalgúns casos, os nenos que foran marcados e estigmatizados polas forzas rebeldes foron sometidos a cirurxía plástica para axudalos a ser aceptados nas súas comunidades. UNICEF tamén liderou os esforzos realizados por liberar e reunir os nenos coas súas familias e reintegralos nas súas comunidades proporcionando educación e apoio psicosocial. Os nenos tamén foron utilizados como escudos humanos, escravos sexuais e como obreiros nas minas de diamantes. Despois do fin da guerra, 7.000 nenos foron liberados e reintegrados á sociedade. O 98% dos nenos foron reunidos coas súas familias. Outros 7.000 nenos que foran separados contaron co apoio de UNICEF para a súa reintegración, entre eles nenas que foran agredidas polos rebeldes.

"Os que explotan os nenos para conseguir obxectivos militares violan os seus dereitos e róubanlles a súa infancia", dixo Lake. "Todos debemos estar contentos ao ver que que as violacións graves cometidas contra os nenos están a ser xulgadas e os responsables son levados ante a xustiza. " 

Más información:

 

Dailo Allí, Xefe de Prensa de UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55/ [email protected]