UNICEF estima que máis de dous millóns de nenos están en risco pola crise no Corno de África

O Fondo das Nacións Unidas para a Infancia, UNICEF, estima que máis de dous millóns de nenos sofren desnutrición e precisan con urxencia accións vitais para sobrevivir á seca que afecta os países do Corno de África. Medio millón deses nenos enfróntanse de maneira inminente a condicións de risco para as súas vidas, con consecuencias de longa duración para o seu desenvolvemento físico e mental.

Esta crise foi recoñecida como a peor dos últimos 50 anos, nunha rexión familiarizada con fortes secas. Os países máis afectados son Kenya, Somalia, Etiopía e Xibutí. Os niveis globais de desnutrición aguda no norte de Kenya están agora por encima do 25 por cento con índices que acadan case o 40 por cento no distrito de Turkana.

 UNICEF estima que un total de 10 millóns de persoas xa precisan asistencia humanitaria.

O alto prezo dos alimentos e a seca prolongada están empeorando unha situación xa nefasta que afecta a miles de persoas necesitadas de alimentos e auga. Miles de familias están cruzando a fronteira desde Somalia debido a que se están abrindo centros de alimentación de emerxencia por parte de UNICEF e outras axencias humanitarias en países veciños. O número de refuxiados está crecendo, con preto de 10.000 persoas que chegan cada semana a Dadaab, na fronteira entre Somalia e Kenya.

A ameaza de enfermidades que se cerne sobre nenos pequenos que xa están debilitados é especialmente preocupante polo que UNICEF está pondo en marcha de maneira urxente campañas de inmunización infantil. UNICEF, organismos gobernamentais, ONG e outras axencias das Nacións Unidas traballarán nas áreas vitais de auga, alimentos e saneamento nos próximos días para previr unha emerxencia masiva.

Porén, a falta de fondos, e a prohibición do acceso nalgunhas zonas, ameazan con interromper os servizos esenciais. UNICEF solicitou 31.9 millóns de dólares para os vindeiros 3 meses co fin de prover apoio que salve as vidas dos millóns de nenos e mulleres afectados. 

Más información:

Dailo Allí

Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]