Chega a Sudán do Sur un avión fretado por UNICEF con axuda humanitaria urxente

Esta mañá aterrou no aeroporto internacional de Juba o primeiro dos dous avións fretados por UNICEF con 35 toneladas cada un de artigos de primeira necesidade para nenos e mulleres de Sudán do Sur.

O avión levaba tratamentos contra a malaria, pneumonía, diarrea e para evitar a desnutrición, así como nutrientes, vitaminas, antibióticos e analxésicos infantís. Entre as subministracións tamén se inclúen kits cirúrxicos de obstetricia e para a atención de partos, equipos que axudarán a distribuír auga potable e saneamento, así como tendas de campaña, toldos e mantas. O seguinte avión chegará o xoves pola mañá con máis subministracións médicas e equipos de auga e saneamento. "Estas subministracións esenciais que salvan vidas axudarán a miles de nenos e mulleres con necesidades urxentes en Sudán do Sur", dixo esta mañá Dermot Carty, director adxunto de programas de Emerxencia de UNICEF, mentres se descargaban as subministracións do avión no aeroporto internacional de Juba. "Os nenos están a morrer de desnutrición e por enfermidades que poden previrse en tempos de paz, como o sarampelo e a malaria. A nosa petición máis urxente a todas as partes no conflito é que permitan que estas subministracións humanitarias sexan transportadas e distribuídos de xeito seguro aos nenos, que non teñen nada que ver con este conflito. Cada día que perdemos, é un máis que fallamos aos nenos de Sudán do Sur, engadiu Carty. A cifra de desprazados aumentou rapidamente, e estímase que máis de medio millón de persoas deixou os seus fogares. 494.000 permanecen dentro de Sudán do Sur, mentres que 86.000 fuxiron a países veciños. Preto de 70.000 destes desprazados no país están refuxiados nas bases da misión de paz de Nacións Unidas en Sudán do Sur. Case o 80% deles son mulleres e nenos.

UNICEF e os seus aliados están a proporcionar a moitas das desprazadas subministracións e servizos básicos, como auga potable e saneamento, alimento e nutrientes para nenos, vacinación e ademais fai seguimento dos nenos separados das súas familias. Máis de 200.000 persoas recibiron algún tipo de axuda; non obstante, en áreas onde os combates foron intensos, a axuda humanitaria chega de xeito esporádico xa que o acceso é limitado.UNICEF e os seus aliados están a aproveitar as oportunidades de acceso que van xurdindo para que o persoal e as subministracións cheguen aos centos de miles de persoas desprazadas en moitos lugares arredor do país.

 

Máis información sobre o traballo de UNICEF en República Centroafricana:

http://www.unicef.es/infancia/emergencias-ayuda-humanitaria/conflicto-en-republica-centroafricana

Más información:

Dailo Allí

Xefe de Prensa de UNICEF España

Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

[email protected]