Nixeria: "O que aconteceu debe sacudir a conciencia do mundo"

O aumento da violencia contra os nenos no norte de Nixeria alcanzou cotas inhumanas nas últimas semanas. Estas son as declaracións de Anthony Lake, director executivo de UNICEF.

"As imaxes do que aconteceu no norte de Nixeria deben sacudir a conciencia do mundo. Uns 2.000 nenos, mulleres e anciáns inocentes foron masacrados en Baga. Nenas e adolescentes foron enviados a morrer con bombas atadas ao seu peito en Maiduguri. E non o esquezamos, máis de
200 nenas que foron roubadas ás súas familias, seguen sen aparecer. Non podemos expresar só con palabras a nosa indignación nin aliviar a agonía de todos os que sofren da violencia constante no norte de Nixeria. Pero estas imaxes dos últimos días e todo o que implica para o futuro de Nixeria deberían impulsar a acción efectiva. Isto non pode continuar así".
 
 

Nenas utilizadas como terroristas suicidas

Polo menos 20 persoas morreron e 18 foron feridas nun ataque suicida con bomba perpetrado por unha nena de 10 anos nun mercado da localidade nixeriana de Maiduguri, no estado do norte de Borno. Aínda que non o reivindicaron, fontes policiais apuntan que detrás da matanza estaría o grupo terrorista Boko Haram, con forte actividade na zona, que na última semana matou 2.000 persoas, moitas delas nenos e nenas, na cidade de Baga e os arredores.