Nenos soldado: "Non podemos esperar a paz para axudar aos nenos atrapados na guerra"

O drama dos nenos soldado é unha realidade presente en máis de 20 países. Os menores son cada vez máis vulnerables a ser recrutados e utilizados por grupos armados a medida que os conflitos son máis brutais, intensos e xeneralizados en todo o mundo.

"Aínda que os gobernos do mundo conseguiron avances á hora de recoñecer que os nenos non teñen cabida nos seus exércitos, o recrutamento de nenos soldado segue representando un problema enorme, especialmente cos grupos armados", explica a Representante Especial do Secretario Xeral da ONU para a cuestión dos Nenos e os Conflitos ArmadosLeila Zerrougui.

"Das 59 partes en conflito que o Secretario Xeral da ONU identificou polas súas graves violacións contra os nenos, 57 delas están a recrutar e utiliza nenos soldado", agrega.

Nenos soldado: "Non podemos esperar a paz para axudar a nenos atrapados na guerra"

Dende UNICEF xunto á Oficina da Representante Especial facemos un chamamento para que se adopten medidas urxentes co obxectivo de poñer fin ás graves violacións contra os nenos, incluíndo o seu recrutamento e uso por grupos armados. As partes en conflito deben cumprir as súas obrigas en virtude do Dereito Internacional.

"A liberación de todos os nenos por parte dos grupos armados débese levar a cabo sen demora. Non podemos esperar a que chegue a paz para axudar aos nenos atrapados no medio da guerra", afirma a directora executiva adxunta de UNICEFYoka Brandt. "Investir dun xeito que manteña os nenos afastados da fronte de batalla, en particular mediante a educación e o apoio económico, é absolutamente fundamental para o seu futuro e o futuro das súas sociedades", apostilou.

Nenos soldado: Vítimas de actos dunha brutalidade indescritible

Decenas de miles de nenos e nenas están asociados a forzas e grupos armados nos conflitos que esgazan a máis de 20 países en todo o mundo. Moitos deles foron vítimas ou testemuñas de actos dunha brutalidade indescritible, ou víronse obrigados a participar neles.

  • En Afganistán, a pesar dos progresos para poñer fin ao recrutamento e o uso de nenos nas forzas de seguridade, os menores de idade continúan sendo recrutados por outras partes en conflito, como a rede Haqqani e os talibáns. Nos casos máis extremos, os nenos foron utilizados como terroristas suicidas ou para a fabricación de armas e o transporte de explosivos.
  • En República Centroafricana, nenos e nenas de ata 8 anos de idade foron recrutados e utilizados por todas as partes que interveñen no conflito para que participasen directamente en actos de violencia inter-étnica e relixiosa.
  • En República Democrática do Congo, Nacións Unidas documentou novos casos de recrutamento de nenos por parte de varios grupos armados que operan na zona oriental do país. Os nenos, nalgúns casos de tan só 10 anos, foron recrutados e utilizado como combatentes ou en funcións de apoio como carrexadores e cociñeiros. Segundo os informes, as nenas foron utilizadas como escravas sexuais ou foron vítimas doutras formas de violencia sexual.
  • En Iraq e Sirya, os avances do ISIS e a proliferación de grupos armados fixeron aumentar aínda máis a vulnerabilidade dos nenos fronte ao recrutamento. Nenos de tan só 12 anos están a ser sometidos a unha formación militar e foron utilizados como informantes ou para realizar patrullas, integrar postos de control e custodiar lugares estratéxicos. Nalgúns casos, foron usados como terroristas suicidas e para levar a cabo execucións.

Dende UNICEF traballamos cos nosos aliados para apoiar os nenos unha vez que son liberados polos grupos armados. Isto inclúe reunilos coas súas familias e proporcionarlles servizos de saúde, necesidades básicas e apoio psicolóxico, así como o acceso a programas de educación e formación.

Recentemente produciuse a liberación gradual duns 3.000 nenos por parte da Facción Cobra do Exército Democrático de
Sudán do Sur (SSDA). Máis de 500 nenos foron liberados durante as últimas dúas semanas e están a recibir apoio para volver á vida civil. Espérase que se produzan novas liberacións durante o próximo mes.