Fernando Alonso cos nenos de India

Fernando Alonso, piloto de Fórmula 1 e Embaixador de UNICEF España, visitou hoxe unha escola de primaria en Tugarpur -no estado indio de Uttar Pradesh, unha hora ao sueste de Delhi-, para promover o lavado de mans con auga e xabón. "Un xesto tan simple como o de lavarse as mans pode salvar as vidas de moitos nenos, de centos de miles, que morren innecesariamente cada ano," resumiu durante a súa visita.

En India, máis de 1.000 nenos morren cada día por enfermidades diarreicas provocadas pola falta de auga potable, saneamento, e hixiene básica. "A hixiene é fundamental para a saúde, porque reduce a transmisión de enfermidades e o número de mortes," explicou Fernando Alonso. De feito, lavarse as mans con xabón en momentos como despois de ir ao baño, antes de comer ou de manipular alimentos, pode reducir ata en máis dun 40% a incidencia da diarrea en nenos menores de cinco anos."Deter a propagación destas enfermidades non é nin complicado nin custoso. Non fai falta unha fórmula máxica para salvar as vidas de millóns de nenos no mundo. A solución xa existe: auga e xabón. Imos usala e a conseguir que se converta nun hábito para todos", engadiu. En xeral, os índices de lavado de mans con xabón son baixos no mundo. Por exemplo, na India só o 53% da poboación se lava as mans con xabón despois de ir ao baño, mentres que preto do 40% o fai antes de comer e só un 30% antes de manipular alimentos.  

Alonso durante a súa visita na escola de Tugarpur

Durante a visita, que coincide coa carreira de Fórmula 1 en Nova Delhi, o próximo día 28,Alonso participou nunha actividade na escola de Tugarpur, no marco

dunha campaña iniciada hai un mes con motivo do Día Mundial de Lavado de Mans e promovida por UNICEF e outras organizacións. O bicampeóndo mundo compartiu parte da mañá con escolares e profesores coñecendo a situación de acceso á auga, saneamento e hixiene na escola.

 Tras coñecer o traballo realizado polo Goberno da India cara á institucionalización do lavado de mans con xabón e a mellora de instalacións de saneamento nas escolas, Fernando Alonsodestacou a necesidade de promover aínda máis a educación en hixiene. "As instalacións adecuadas nas escolas axudan a un ámbito máis san, reducindo o abandono escolar e mellorando o rendemento dos nenos", comentou.

Sue Coates, Xefe da área de Auga, Saneamento e Hixiene de UNICEF India, que acompañou ao piloto de Fórmula 1 durante a súa visita, explicou que para conseguir que todos se laven as mans é imprescindible o apoio a iniciativas que impliquen a participación directa dos nenos e os mozos, que son os mellores axentes de cambio. "Eles poden crear un ámbito activo de aprendizaxe na escola e tamén poden levar a mensaxe á casa para motivar as súas familias para lavarse todos as mans con xabón nos momentos clave", indicou.

 Este ano millóns de nenos difunden a mensaxe de lavarse as mans con xabón a través de actividades escolares en máis de 100 países, durante todo este mes. Na India, os nenos de 1,3 millóns de escolas participan nas actividades a raíz do Día do Lavado de Mans.

Tamén podes consultar a visita de Fernando Alonso a India no seu web oficial.