A escola, un lugar para superar o trauma do sismo

O terremoto de Haití provocou a destrución de todo o sistema educativo do país, co derrubamento de 5.000 escolas e do propio Ministerio de Educación. Desde entón, UNICEF estivo traballando para a reconstrución dos colexios e tratar que os nenos volvan á normalidade o antes posible, xa que a educación é a vía principal para a reconstrución.

Ademais, a rutina escolar é esencial para restablecer unha certa sensación de normalidade na vida dos nenos, tal e como explica Elizabeth Hyppolite, a directora dunha escola temporal Dalmas 33 Dei Gloria, en Porto Príncipe. A ela asisten Mackintosh e Freddy Durvier, dous irmáns que o día do terremoto viron como o seu fogar se derrubaba ante os seus ollos, segundo conta o seu pai.

"Aquí están cos seus amigos, o que ten unha enorme importancia, e poden aprender. É moito mellor que estean na escola e non na súa casa, rodeados das lembranzas do 12 de xaneiro ou nos campamentos", explica Hyppolite.

Hyppolite reanudou a actividade escolar poucos días despois de que o terremoto deixase en ruínas o edificio no que estivera dando clases durante moitos anos. Un equipo de enxeñeiros de UNICEF está facendo unha avaliación do terreo para construír cinco aulas semipermanentes, que contarán tamén con instalacións sanitarias e de auga potable.

A escola, principal vía para a recuperación

[]

"Este ano sucederon tantas cousas! Os meus fillos pregúntanme que é o que pasa con Haití. Están moi confundidos", explica Jean André Durvier, o pai dos nenos.

"Non debemos esquecernos dos pais, porque eles tamén sofren", advirte Hyppolite. "Moitos nenos teñen problemas para sobrevivir, xa que os seus pais non contan con diñeiro suficiente". Por iso, aínda que a escola é unha parte esencial para a recuperación, a educadora advirte que as feridas que sufriron moitos nenos non se curarán da noite para a mañá.

 UNICEF e a escola

Inmediatamente despois do terremoto, UNICEF e os seus aliados distribuíron 1.600 tendas de campaña para establecer máis de 225 espazos temporais de aprendizaxe. Ademais, a partir de abril puidéronse reabrir máis de 600 escolas mediante a distribución de material didáctico e escolar, co que en total beneficiáronse 325.000 nenos e 42.000 mestres. A este esforzo úneselle o lanzamento o 4 de outubro da campaña Todos á escola, que beneficiou ata agora a 720.000 nenos en todo o país, 15.000 profesores e 2.000 escolas.

Unha das prioridades de UNICEF en materia de educación é converter as escolas nun espazo onde axudar os nenos a superar o trauma causado polo desastre, para o cal a formación dos profesores é fundamental.

UNICEF ten como obxectivo construír 200 escolas semipermanentes e axudar xunto a outras organizacións a restaurar as 5.000 escolas danadas polo sismo.

Retos e perspectivas

UNICEF ten previsto investir neste ano en tres prioridades claves para a educación:a mellora do acceso á educación, a mellora da calidade, e o investimento na reforma e regulación do sector. Ademais, estase traballando moi intensamente en tratar de superar as desigualdades no acceso á educación, que xa existían antes do terremoto no país, onde 1 de cada 8 nenos de idades comprendidas entre os 7 e os 18 anos nunca fora á escola.