Brote de ébola: 8,5 millóns de nenos viven nas zonas afectadas

"O ébola está matando a xente e debilitando futuros", explica Afshan Khan, a directora de programas de emerxencia de UNICEF.

"Está a pechar escolas, destruíndo o sistema sanitario e ameazando o tecido social das comunidades. Estamos ante unha crise de enormes proporcións".

8,5 millóns de nenos e mozos menores de 20 anos viven en zonas afectadas polo ébola en Guinea, Serra Leoa e Liberia; 2,5 millóns deles teñen menos de cinco anos.

Brote de ébola: actuamos contra o reloxo para proporcionar subministracións e información

Mentres o ébola continúa coa súa espiral de morte, UNICEF reforzou a súa resposta traballando coas comunidades para concienciar sobre a enfermidade e proporcionando subministracións de hixiene básica dende os primeiros días do brote. Actuamos contra o reloxo para proporcionar subministracións básicas e información sobre como poden protexerse as familias no centro das comunidades afectadas.

Algúns exemplos dos esforzos que UNICEF e os nosos aliados levamos a cabo son:

  • Transportar por vía aérea e co apoio do Banco Mundial, Xapón e USAID, 544 toneladas de subministracións a Guinea, Liberia e Serra Leoa, con case 50 voos dende principios de agosto.
  • Apoiar o goberno de Serra Leoa para levar a cabo unha campaña de sensibilización de tres días, do 19 ao 21 de setembro, colaborar na formación de voluntarios e proporcionar información precisa sobre o ébola.
  • Poñer en marcha instalacións de auga e saneamento nos centros de tratamento do ébola nos tres países.
  • Formar a voluntarios sanitarios, profesores e outros para colaborar na difusión de información sobre o virus que pode salvar vidas.
  • Traballar para evitar brotes de enfermidades distintas ao ébola e proporcionar servizos básicos a mulleres e nenos.
  • Proporcionar apoio psicolóxico a nenos afectados polo ébola.

Brote de ébola: necesitamos fondos

UNICEF explicou que necesita máis de 154 millóns de euros para responder á crise do ébola que se levou máis de 2.400 vidas e asolou comunidades enteiras en África occidental. Este chamamento forma parte dunha petición máis ampla de seis meses de duración co fin de recadar os 763 millóns de euros que gobernos e axencias humanitarias necesitan para combater a enfermidade.

Dos 154 millóns, case 50 millóns destinaranse aos programas de UNICEF en Liberia; ao redor de 47 millóns, para Serra Leoa; e máis de 42 millóns irán a Guinea. Uns 8 millóns servirán de apoio aos países veciños para prepararse ante unha posible propagación do virus dentro das súas fronteiras. Os 7 millóns restantes reservaranse para os esforzos de coordinación a nivel rexional.

"Temos que traballar coas comunidades", explica Khan. "Podemos salvar vidas agora se cada país e cada axencia cos medios necesarios para axudar, o fai".