S.O.S Mundo

Este post de Marta Arias Robles, directora de Sensibilización e Políticas de Infancia UNICEF Comité Español, publicouse orixinalmente en El Huffington Post
 
 
Non é un exercicio de xeografía, aínda que non estaría mal facer a proba. Seguramente todos (ou case todos) estes países teñen pasado por algunha das nosas pantallas ao longo deste verán. Varias veces, mesmo. Seguramente nalgún momento puxemos atención, pensamos " que horror! ". E seguimos coa nosa vida.
 

Emerxencias: que está a pasar?

Pero non se asusten. Este non é un post para facer sentir culpable a ninguén. Nin moito menos. Ás veces é pouco máis o que cada un de nós pode facer no medio da loucura do día a día. Non se trata de xerar sentimentos de culpa, pero si de reflexionar. Que está a pasar?

As organizacións humanitarias estamos afeitas a reaccionar a emerxencias que xorden en calquera momento do ano. E a experiencia ensinounos a planificar sempre os recursos necesarios para atender a unha emerxencia en pleno período de vacacións de verán. Organizarnos para que sempre haxa persoas dispoñibles para atender as secas que azoutan África nesta época do ano, ou as tormentas tropicais, ou calquera outra circunstancia imprevista.

É sempre un mal momento, porque a atención de todo o mundo está moi dispersa, é difícil encontrar os interlocutores habituais e o propio equipo está minguado polo imprescindible descanso. Pero sempre pasa algo.

Algo.

Este ano ese "algo" son nada menos que seis grandes emerxencias simultáneas. Algunhas, como a de Sirya, veñen de tempo atrás, xa case se nos esqueceron. Pero seguen aí. E con elas a dor terrible que continúan xerando día a día.

Doutras apenas oímos falar, como no caso de República Centroafricana, pero trátase dun drama silencioso que afecta a máis de 2 millóns de nenos. Como silenciosa é a fame en Sudán do Sur, onde será difícil evitar a segunda declaración de fame do século XXI.
 
Iraq, Gaza e a crise do ébola reciben, pola contra, moita maior atención mediática, pero sen que polo momento se estea a lograr poñer freo ao sufrimento humano detrás dos titulares.
 

Dereitos vulnerados hoxe, oportunidades perdidas mañá

En cinco destes casos (Irak,Gaza, Sudán do Sur, República Centroafricana,Siria e ébola ), Nacións Unidas decretou o máximo nivel de emerxencia humanitaria. E en ningún dos seis se pode falar dun drama provocado exclusivamente pola natureza. Directa ou indirectamente, por acción ou por omisión, a man do home está detrás dun sufrimento tan extremo que non somos sequera capaces de visualizar. E os nenos, como sempre, se levan a peor parte. En forma de dereitos vulnerados hoxe, e de oportunidades perdidas para mañá.

Contábame hai anos unha mestra veterana que notara como o efecto da televisión nos nenos estaba a provocar neles un sentimento profundo de irrealidade, todo lles parece ficción ou todo lles parece posible. Non lles sorprende ver un superheroe saltar dun sétimo piso e saír ileso, ao igual que tampouco lles impacta ver a imaxe dun accidente de tráfico en televisión.

Eu penso que, de forma inevitable, ese mesmo efecto nos está a chegar tamén aos adultos, unido no noso caso á dificultade de reter información no medio dunha brutal saturación de mensaxes. Aínda Que racionalmente distinguimos, por suposto, realidade e ficción, e somos capaces de entender a gravidade do que se nos explica, cada vez é máis difícil traspasar a barreira da atención momentánea e xerar algún tipo de reacción.

Pero dediquemos por favor un segundo a pensalo. Que está a pasar? Que nos está a pasar? Como podemos tolerar tanto sufrimento? Que podemos facer?

A indiferenza, dende logo, nunca debería ser unha opción. O verán achégase ao seu fin, pero non o drama humano en cada un destes cantos do planeta. Empecemos por demostrar que nos importa.