República Dominicana: a lección de humanidade dos alcaldes xuvenís

Por Javier Cantero,  Director de Novas Tecnoloxías  Desarrollo Organizativo de UNICEF España.

O noso terceiro día en República Dominicana amosounos novamente os enormes logros que se poden acadar traballando conxuntamente con aliados estratéxicos.

Ao comezo da mañá dirixímonos á Universidade Católica de Santo Domingo, onde nos entrevistamos co Reitor, o sacerdote salesiano Padre Ramón Alonso e o seu equipo. O Padre Alonso, salmantino que chegou a Santo Domingo no ano 1954, impresiona pola súa enorme humanidade e por un compromiso persoal, que contaxia a todo o seu equipo. Para el, a universidade non é unha fábrica de profesionais senón o mecanismo para crear homes e mulleres do mañá, comprometidos coa súa sociedade. O ano pasado, a Universidade asociouse con UNICEF para, coa súa colaboración, asesoría e implicación directa, crear o Observatorio de Vixilancia dos Dereitos da Infancia e a Adolescencia. Para manter a súa absoluta independencia, o Observatorio rexeita todo tipo de subvencións públicas e a súa Xunta Directiva está composta por persoas de reputada credibilidade e notoriedade na sociedade dominicana, o que achega un grao aínda maior de credibilidade aos datos e estudos que emiten.   A función do Observatorio é presentar ao país datos reais sobre o estado da infancia e da adolescencia, xerados a partir dos datos estatísticos, e segregados ata o nivel de municipio, o que lles converte nunha valiosísima ferramenta política que lle permite á clase dirixente establecer políticas que contribúan á loita contra a vulnerabilidade dos nenos e adolescentes. Máis alá dos datos que nos presentaron, resulta todo un exemplo ver como unha institución privada educativa chega moito máis alá dos seus obxectivos directos ou do que poderiamos chamar os seus plans de negocio, e involúcrase dun xeito real e tanxible na loita a favor dos máis vulnerables. Pero se esta visita foi enriquecedora e motivadora, a segunda parte do día foi absolutamente unha lección de compromiso. Visitamos a iniciativa dos concellos infantís e xuvenís. Explicar en poucas palabras en que consiste este proxecto, auspiciado por UNICEF, é realmente complexo. En esencia trátase da resposta dos Concellos Amigos da Infancia a un dos dereitos básicos reflectidos na Convención: o dereito dos nenos a participar e a que se escoite a súa voz. Nas últimas eleccións, que foron recentemente, case 50.000 nenos votaron aos seus alcaldes, de entre 10 e 18 anos. O que realmente chegou ao meu corazón foi escoitar como se expresan estes rapaces, o seu grao de madurez, as súas propostas, que logo son discutidas cos alcaldes reais (os dos adultos) e como conseguen cambios reais na vida das súas cidades, as súas vilas e as súas comunidades. Estes rapaces déronnos unha autentica lección de madurez, de sensatez, de desexo real de cambiar a sociedade na que naceron, de solidariedade. En resumo, unha lección de humanidade.