Canto valen as vidas de 2 millóns de nenos?

Por  Marta Arias, Directora de Sensibilización e Políticas de Infancia de UNICEF España. Post publicado en ElPaís.com: 'Canto valen as vidas de 2 millóns de nenos?'

 

Cada ano, case 2 millóns de nenos morren por enfermidades absurdas e totalmente evitables cunha simple vacina; máis de 5.000 mortes cada día. Algo aparentemente tan simple de evitar como unha diarrea é segunda causa de morte infantil no mundo en desenvolvemento. A súa principal causa, o rotavirus (moi coñecido polos papás españois), pode anularse con un tratamento de inmunización de 5 dólares por neno (menos de 3,5 euros).

Por iso, é tan importante o anuncio que fixo UNICEF o pasado día 3 de xuño, facendo públicos os prezos das vacinas que lles administra a millóns de nenos de todo o mundo. Unha noticia que pode parecer un trámite administrativo, e que porén supón un paso moi significativo, dado que permite achegar unha información valiosísima a gobernos e organizacións, así como fomentar a competencia dentro dunha das industrias máis poderosas do mundo. O anuncio fíxose público nos días previos á conferencia de doantes que a Alianza Global polas Vacinas e a Inmunización celebrará o vindeiro día 13 de xuño. E o certo é que, apenas tres días despois, a propia Alianza deu a coñecer a noticia de que 2 compañías farmacéuticas de países emerxentes ofreceran prezos máis baixos para a vacina pentavalente, ao tempo que outras empresas de países industrializados ofrecían descontos nos tratamentos de inmunización contra outras enfermidades, incluído o rotavirus. Neste último caso, parece posible acadar a medio prazo un prezo equivalente a 3 dólares (pouco máis de 2 euros) para inmunizar por completo un neno. Menos que o custo dos periódicos do domingo, pero unha cifra inalcanzable para os 1.000 millóns de persoas que viven con menos dun dólar ao día. Como seguramente os lectores coñecen, o abaratamento do acceso aos medicamentos é unha antiga loita do sector non gobernamental, non só no caso das vacinas senón tamén para o tratamento de enfermidades tan devastadoras nos países en desenvolvemento como a malaria, a tuberculose ou a SIDA. Agora é o propio funcionamento do mercado quen lle acabou dando a razón a estas organizacións. En particular, é especialmente interesante ver como a irrupción de compañías provenientes de países emerxentes está contribuíndo a incrementar a competitividade e a innovación nun aspecto crítico para salvar millóns de vidas. Agora só falta que o vindeiro 13 de xuño os doantes se comprometan de verdade. Enriba da mesa está a posibilidade de salvar 4 millóns adicionais de vidas de aquí a 2015 (aproximadamente o total da poboación do País Vasco e Castela A Mancha xuntos). O custe estimado3.700 millóns de dólares. Resulta difícil pasar o peto en tempos de crise, pero, quen decide canto vale cada unha desas vidas?