Educación para el Desarrollo: Manual para el profesorado (Educación para o desenvolvemento: manual para o profesorado)

“Educación para o desenvolvemento: manual para o profesorado” pretende en primeiro lugar achegar esta proposta e os seus principais elementos conceptuais, metodolóxicos e didácticos a educadores e educadoras. Xunto a iso, achégase unha compilación de vinte e dúas actividades de carácter dinámico e participativo, ferramentas útiles para facer inspiradora e efectiva a súa práctica na aula. Estas actividades non están vinculadas a ningún contido en concreto, senón que poden ser adaptadas a distintos temas de acordo coas necesidades e o criterio do educador ou educadora.

O estudo da realidade que nos rodea a través do enfoque propio da Educación para o Desenvolvemento aplícase a diferentes ámbitos ou espazos sociais de convivencia nos que se desenvolve a vida dos mozos: o centro escolar, o municipio, a comunidade autónoma, o estado, Europa e o mundo. Todos estes ámbitos deben ser percorridos nos diferentes niveis do ordenamento escolar atendendo a criterios pedagóxicos de distribución e gradación.

Con isto resulta importante sinalar que a Educación para o Desenvolvemento non consiste exclusivamente en falar da situación dos países empobrecidos do Sur ou as relacións Norte-Sur. Máis ben promove valores universais a por en práctica de maneira responsable nas relacións cos demais e coa contorna, comezando polo máis próximo para ir ampliando conforme se descobren as seúas interrelacións máis aló das fronteiras tradicionais, esvaecidas no mundo actual polos distintos procesos de globalización.

Desta maneira, é igualmente desexable que adquiran o valor da cooperación tanto nas súas relacións cos seus compañeiros de clase, nas relacións en xeral, como na súa calidade de cidadáns dun país rico, cos pobos e cidadáns do Sur.

A idea de Cidadanía Global, fundamentada sobre a base dos Dereitos Humanos, é posiblemente un dos elementos crave que se engade á Educación en Valores tal como se está a aplicar até agora.