As vidas dos nenos en xogo a medida que O Neno se intensifica

Uns 11 millóns de nenos están en risco de sufrir os efectos da fame, enfermidades e falta de auga en África oriental e meridional debido á intensificación do Neno; este fenómeno está tamén causando secas e inundacións en zonas de Asia, o Pacífico e América Latina, advertiu hoxe UNICEF.  

As consecuencias poderían ter efecto mesmo en xeracións futuras se as comunidades afectadas non reciben apoio para afrontar as malas colleitas e a falta de acceso a auga potable, que están a deixar aos nenos desnutridos e en risco de sufrir enfermidades mortais, segundo dixo UNICEF nunha nota informativa.
 
Ademais do risco inmediato de que o fenómeno cause danos e provoque a morte, O Neno podería ocasionar un aumento significativo de enfermidades como a malaria, o dengue, a diarrea e o cólera, as principais causas da mortalidade infantil. Cando as condicións meteorolóxicas extremas privan ás comunidades dos seus medios de subsistencia, os nenos pequenos adoitan sufrir desnutrición; o que agrava o risco de contraer enfermidades, atrasa o desenvolvemento mental e causa a morte prematura.
 
"Os nenos e as súas comunidades necesitan a nosa axuda para recuperarse dos efectos do Neno e para prepararse ante as posibles consecuencias que podería provocar", dixo o director executivo de UNICEF, Anthony Lake. "Ao mesmo tempo, a súa intensidade e potencial capacidade de destrución debería ser unha chamada de atención para os líderes mundiais que se van a reunir en París. Mentres debaten sobre o acordo para limitar o quecemento global, deben lembrar que está en xogo o futuro dos nenos de hoxe e do planeta que van herdar".
 
Os líderes mundiais reuniranse en París durante a 21ª Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, coñecida como COP21, entre o 30 de novembro e o 11 de decembro. O obxectivo é alcanzar un acordo universal e vinculante para limitar o quecemento global mediante a redución de emisión de gases de efecto invernadoiro.
 
Os fenómenos do Neno non están causados polo cambio climático, pero os científicos cren que son cada vez máis intensos como resultado deste. Moitos dos países que están a sufrir os efectos do Neno enfróntanse tamén ás maiores ameazas do cambio climático. Ademais moitas das zonas afectadas teñen altos niveis de pobreza.
 
O fenómeno meteorolóxico, un dos máis graves que se rexistran, podería causar máis inundacións e secas, xerar tifones e ciclóns no Pacífico e afectar a máis zonas se, tal como prevese, segue intensificándose nos próximos meses.
 
Algúns dos países máis afectados polo Neno son:
 
Somalia: máis de 3 millóns de persoas necesitan apoio debido ás malas colleitas e a escaseza de alimentos. Prevense graves inundacións que poderían empeorar a situación.
 
Etiopía: o país sofre a súa peor seca en 30 anos, que causou que 8,2 millóns de persoas sufran inseguridade alimentaria e 350.000 nenos necesiten apoio nutricional.
 
Indonesia: O Neno tamén agravou o efecto dos incendios dos xacementos de turba e dos bosques. Só en agosto e setembro, o fume causou infeccións respiratorias agudas a 272.000 persoas, especialmente nenos.
 
Nacións do Pacífico: O Neno ameaza con deixar a máis de 4 millóns de persoas sen alimentos nin auga potable.
 
Centroamérica: a seca causada polo Neno é unha das máis graves rexistradas, con 3,5 millóns de persoas afectadas en Guatemala, Honduras e O Salvador.
 
Perú: uns 1,1 millóns de persoas, entre elas 400.000 nenos e adolescentes, poderían sufrir os efectos do Neno, segundo o goberno.
 
Ecuador: as autoridades cren que 1,5 millóns de persoas están en risco, preto da metade nenos.
 
O Neno é un fenómeno climático relacionado co quecemento das augas superficiais do Océano Pacífico, que pode ter un profundo efecto nas tendencias meteorolóxicas de todo o mundo. Os fenómenos relacionados co Neno adoita ocorrer cada dous a sete anos. 

Más información:

Patrick Moser, UNICEF Nova York, + 1 212 326 7120 [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]