Vacinación para 3 millóns de nenos nos países afectados por ébola

Por primeira vez dende o inicio do brote de ébola, Guinea, Liberia e Serra Leoa están a levar a cabo importantes campañas de vacinación a nivel nacional para protexer millóns de nenos contra enfermidades previbles pero potencialmente mortais.

Con motivo da Semana Mundial da Vacinación, do 24 ao 30 de abril, os tres países máis afectados polo ébola pretenden vacinar a máis de tres millóns de nenos contra enfermidades como o sarampelo e a poliomielite a través de campañas que UNICEF apoia proporcionando vacúas, formación e despregando miles de equipos de vacinación.

"Mentres continúan os esforzos para chegar a cero casos de ébola, é fundamental que os servizos básicos de saúde sexan restablecidos", dixo Manuel Fontaine, director rexional de UNICEF para África Occidental e Central. "A intensificación dos programas de vacinación, interrompidos pola epidemia, vai salvar vidas e evitar un retroceso en materia de saúde respecto aos progresos conseguidos nestes países antes do brote".

En Serra Leoa comeza hoxe unha semana centrada na saúde de nais e fillos coa subministración de vitamina A, pastillas para desparasitar e probas para detectar desnutrición. Máis de 10 mil vacinadores e distribuidores irán porta por porta en todo o país, ofrecendo actualizacións das doses de vacinación para nenos de 0-23 meses que viron interrompidas as súas vacinas rutineiras. En maio terá lugar unha campaña de vacinación contra o sarampelo e a poliomielite para 1,5 millóns de nenos menores de cinco anos.

En Guinea o 18 de abril púxose en marcha unha campaña nacional contra o sarampelo para 1,3 millóns de nenos de entre seis meses e nove anos. Uns 100.000 nenos foron vacinados durante unha primeira fase de resposta a un brote de sarampelo en febreiro. UNICEF tamén levou a cabo campañas de sensibilización na comunidade para informar a poboación sobre a seguridade das vacinas.

En Liberia está prevista unha campaña para vacinar contra o sarampelo e a poliomielite máis de 700.000 nenos menores de cinco anos entre o 8 e o 14 de maio. UNICEF subministrou máis de 750.000 doses de vacinas contra o sarampelo e xunto cos seus aliados está a ofrecer formación a máis de 3.000 vacinadores e traballadores da saúde da zona. Tamén está a traballar co goberno de Liberia para dar a coñecer a campaña á sociedade.

Como as campañas de vacinación se están a levar a cabo mentres se mantén a ameaza de ébola, os vacinadores están a seguir estritos protocolos que inclúen o uso de roupa de protección como luvas e mandís, así como lavarse as mans regularmente.

Ata o momento informouse de máis de 26.000 casos de ébola e 10.000
mortes nos tres países, onde o brote debilitou os xa fráxiles sistemas de saúde e interrompido as intervencións de saúde rutineiras.

Para descargar fotos e vídeos: 
 
Usuario: Refcom
Contrasinal: uce442087
 

Más información:

 
Tim Irwin, UNICEF Africa Occidental e Central, [email protected] , +221 77 676 5117
Timothy LaRose, UNICEF Guinea, [email protected] , +224 622 350 251
Rukshan Ratnam, UNICEF Liberia, [email protected] , +231 770 267 110
John James, UNICEF Serra Leoa, [email protected] , +232 76 102 401
Belén de Vicente, UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]