Urxe a distribución de subministracións no Sahel para evitar que un millón de nenos sufra desnutrición severa

Declaración do Director Executivo de UNICEF, Anthony Lake

Estímase que un millón de nenos da rexión do Sahel, no centro e oeste de África, está en risco de sufrir desnutrición severa en 2012 se a comunidade internacional non toma medidas.  

Oito países da rexión do Sahel sofren esta crise que afecta aos nenos. A falta de chuvia e as malas colleitas provocarán nalgúns países un adianto do "período de escaseza" -cando se esgotan os alimentos da última colleita-, que podería comezar en marzo en vez de facelo en xuño, como é habitual. Calquera redución na cantidade e calidade nutricional dos alimentos dos que dispón unha familia ten un impacto directo nos nenos, especialmente nos máis pequenos. Un número significativo de nenos da rexión do Sahel xa sofre desnutrición, converténdoos nos máis vulnerables. Xa estamos a detectar niveis de desnutrición severa grave por enriba do albor de emerxencia. Os alimentos terapéuticos listos para usar son o mellor xeito de tratar a desnutrición aguda severa en nenos menores de cinco anos, e conseguir así que poidan sobrevivir e recuperarse. O maior desafío ao que nos enfrontamos agora é intentar conseguir cantidades abondo destes alimentos vitais para os nenos xa que as súas necesidades irán aumentando nos próximos meses. Para previr unha emerxencia a grande escala no Sahel, UNICEF e os seus aliados deben comezar a distribuír de inmediato na rexión subministracións vitais, antes de que sexa demasiado tarde. En 2010, o compromiso dos doadores, a xenerosidade da poboación e o duro traballo dos traballadores humanitarios evitou unha traxedia maior no Sahel. Xuntos podemos facelo de novo. Pero debemos empezar agora, porque a rexión é enorme, o reto é grande e a oportunidade esvaécese. Os nenos do Sahel que se encontran hoxe por hoxe en risco non son meras estatísticas polas cales podemos medir a magnitude dun potencial desastre humanitario. Son nenas e nenos, e cada un ten o dereito a sobrevivir, prosperar e contribuír a mellorar as súas sociedades. Non debemos fallar.

 

Más información:

Dailo Allí, Xefe de Prensa de UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55: [email protected]