UNICEF prepárase para a chegada do tifón Maysak (Chedeng)

Filipinas prepárase para a chegada do supertifón Maysak (de nome local Chedeng) á área de responsabilidade do país, cando comeza a festividade de Semana Santa.

Segundo os últimos informes, Maysak localízase a 1.280 quilómetros ao leste de Guiuan, en Samar Oriental. Ten ventos máximos sostidos de 215 quilómetros por hora preto do centro, e refachos de máis de 250 quilómetros por hora (segundo os avisos meteorolóxicos de PAG-asa, a Administración de Servizos Atmosféricos, Xeofísicos e Astronómicos de Filipinas).

Espérase que Maysak entre na Área de Responsabilidade Filipina (PAR, polas súas siglas en inglés) a mañá do xoves 2 de abril. O seu rumbo actual indica que tocará terra sobre a rexión de Bicol Oriental.

"UNICEF está preparado para dar apoio ao goberno unha vez que se produza a emerxencia, con subministracións de emerxencia preposicionadas nos nosos almacéns locais de Manila, Tacloban e Cotabato. Cando se produce un desastre, os nenos enfróntanse a riscos como brotes de enfermidades, desnutrición, violencia e interrupción da educación. A nosa prioridade é asegurar que tanto os nenos coma os seus dereitos e benestar estean protexidos antes, durante e despois dos desastres", dixo Lotta Sylwander, representante de UNICEF Filipinas.

UNICEF preposicionou artigos esenciais que inclúen kits de auga e de hixiene, unidades de purificación de auga, tendas de campaña para escolas, materiais para estudantes e profesores, tendas para espazos amigos da infancia, subministracións médicas, alimento terapéutico, sales de rehidratación oral, lonas e xeradores para polo menos 10.000 familias.

UNICEF ten persoal en Manila, Tacloban e Cotabato preparado para ser despregado e facer avaliacións rápidas tan pronto como viaxar sexa seguro. UNICEF, xunto co goberno filipino, lidera
a resposta conxunta nas áreas de auga, saneamento e hixiene, nutrición e protección infantil.

Más información:

Michael Saycon, oficial de comunicación UNICEF Manila +63 915 135 9163, [email protected]

Belén de Vicente UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]