UNICEF: Os nenos continúan en perigo polas inundacións en Sri Lanka

UNICEF está a distribuír máis materiais de axuda ás comunidades azoutadas polas recentes inundacións producidas en Sri Lanka.

O último lote de materiais enviado inclúe 19.000 kits escolares (compostos por libretas, bolígrafos e lapis) 10.600 lonas reforzadas 60 bidóns de cloro en po, 2.000 esteiras, tanques de auga con capacidade para 2.000 litros cada unha, pastillas potabilizadoras de auga e roupa para nenos (5.000 conxuntos). Con este novo envío de materiais, o valor total das subministracións distribuídas por UNICEF nas últimas tres semanas para asistir ás comunidades afectadas en Sri Lankaelévase a máis de 600.000 dólares. Estes materiais teñen como obxectivo axudar as familias para asegurar que teñan acceso a auga potable e para manter os niveis básicos de hixiene. Máis dun millón de persoas víronse afectadas por estas últimas inundacións que afectaron ás comunidades do norte e o leste do país. En moitos lugares as escolas seguen pechadas xa que os colexios se converteron en centros de refuxio.UNICEF en Sri Lanka respondeu á primeira fase das intensas inundacións, que se concentraron no leste do país, enviando dous continxentes de materiais. Os materiais enviados no último mes inclúen: tanques de auga con capacidade para 1.000 litros cada un, kits de hixiene (materiais para unha familia de cinco membros durante un mes, como toallas, xabóns, pasta de dentes e deterxente en po), lonas reforzadas, cubos de plástico, esteiras e cazolas de cociña comunitarias (con máis de 150 litros de capacidade cada unha).

Os nenos están entre os máis vulnerables ante este tipo de inundacións. Moitos non saben nadar e algúns son demasiado fráxiles como para valerse por si mesmos. As intensas inundacións producidas en Sri Lanka débense á persistente e intensa chuvia caída nalgunhas partes da illa dende o 26 de decembro de 2010. Os materiais enviados por UNICEF foron entregados ás autoridades locais para que sexan subministrados entre os desprazados. Este apoio de UNICEF é parte dun amplo acordo co goberno e o esforzo da ONU para apoiar as comunidades afectadas. A ONU está a revisar actualmente o seu chamamento de fondos de emerxencia para analizar o impacto das recentes inundacións.Acerca de UNICEF
UNICEF traballa no terreo en máis de 150 países e territorios para tratar de garantir aos nenos e as nenas o dereito a sobrevivir e a desenvolverse dende a primeira infancia ata a adolescencia. UNICEF, que é o maior provedor de vacinas para os países en desenvolvemento, traballa para mellorar a saúde e a nutrición da infancia; o abastecemento de auga e saneamento de calidade; a educación básica de calidade para todos os nenos e nenas e a protección dos nenos e as nenas contra a violencia, a explotación e o VIH/SIDA. UNICEF está financiado na súa totalidade polas contribucións voluntarias de individuos, empresas, fundacións e gobernos.

Más información:

Dailo Allí
Xefe de Prensa de UNICEF España,
Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55
E-mail: [email protected]

www.unicef.es