UNICEF: o progreso demostra que a desnutrición crónica infantil pode ser combatida

Un de cada catro nenos menores de 5 anos sofre desnutrición crónica, que produce atraso no crecemento e outras secuelas

Un novo informe de UNICEF publicado hoxe ofrece evidencias de que se está a alcanzar un verdadeiro progreso na loita contra a desnutrición crónica, que produce atraso no crecemento e outras secuelas e é a cara oculta da pobreza para 165 millóns de nenos menores de cinco anos. O informe mostra que o progreso acelerado é posible e necesario.

Mellorar a Nutrición Infantil: Imperativo alcanzable para o progreso globalconfirma que a clave do éxito contra a desnutrición crónica está en centrar a atención no embarazo e os dous primeiros anos de vida do neno. A desnutrición crónica nos nenos non é só cuestión de baixa estatura, senón que tamén pode implicar atraso no desenvolvemento do cerebro e da capacidade cognitiva. "A desnutrición crónica pode eliminar oportunidades na vida dun neno e tamén oportunidades de desenvolvemento dunha nación", dixo o Director Executivo de UNICEF,Anthony Lake. "As nosas evidencias do progreso que se está a alcanzar mostran que agora é o momento de aceleralo. " Un de cada catro nenos menores de 5 anos no mundo sofre atraso do crecemento debido á desnutrición crónica nos períodos cruciais de crecemento. Estímase que o 80% dos nenos con desnutrición crónica no mundo viven en só 14 países. O informe de UNICEF destaca os éxitos na ampliación e mellora das políticas de nutrición, programas e cambios de comportamento en 11 países: Etiopía, Haití, India, Nepal, Perú, Ruanda, República Democrática do Congo, Sri Lanka, Kirguistán, República Unida de Tanzania e Vietnam.

O dano que a desnutrición crónica produce ao corpo dun neno e ao seu cerebro é irreversible. Reduce o rendemento na escola e nos seus ingresos laborais no futuro. É unha inxustiza que a miúdo se transmite de xeración en xeración e que recorta o desenvolvemento nacional. Os nenos con desnutrición crónica teñen tamén un risco maior que os demais nenos de morrer por enfermidades infecciosas. Pero nalgunhas partes da India -fogar de 61 millóns de nenos con desnutrición crónica- aínda se está a progresar. En Maharashtra, o estado máis rico do país e o segundo máis poboado, o 39% dos nenos menores de dous anos sufrían desnutrición crónica no período 2005-2006. Esta cifra, non obstante, reduciuse ao 23% en 2012, segundo unha enquisa nutricional realizada neste Estado, en gran parte a través do apoio aos traballadores de base na mellora da nutrición infantil. En Perú, a desnutrición crónica reduciuse nun terzo entre 2006 e 2011 a raíz dunha iniciativa contra a desnutrición infantil que incidiu nos candidatos políticos a asinar un compromiso '5 en 5 por 5' para reducir a desnutrición crónica en nenos menores de 5 anos nun 5 por cento en 5 anos e reducir as desigualdades entre as zonas urbanas e rurais. Perú baseouse na súa experiencia de éxito en proxectos máis pequenos e nutrición integrada con outros programas. Tamén se centrou nos nenos e as mulleres máis desfavorecidos e nas estruturas de goberno descentralizadas. Etiopía reduciu a desnutrición crónica do 57% ao 44% e a mortalidade de menores de 5 anos pasou de 139 mortes por cada 1.000 nacidos vivos a 77 por 1.000 entre 2000 e 2011. Os pasos clave desta evolución incluíron un programa nacional de nutrición, proporcionar unha rede de seguridade nas zonas máis pobres e aumentar a asistencia nutricional a través das comunidades.

A desnutrición crónica e outras formas de desnutrición redúcense a través dunha serie de pasos simples e comprobados, como a mellora da nutrición das mulleres, a lactación materna temperá e exclusiva, a subministración de vitaminas e minerais, así como a alimentación apropiada -sobre todo no embarazo e os dous primeiros anos de vida do neno. O informe afirma que as solucións existentes e o labor de novos aliados, entre eles o movemento Scaling Up Nutrition, crean unha oportunidade sen precedentes para facer fronte á desnutrición infantil a través da aceleración do progreso nos países, a través de proxectos coordinados co apoio de doadores e con obxectivos medibles.Link ao informe en inglés:

http://www.unicef.es/actualidad-documentacion/publicaciones/improving-child-nutrition-achievable-imperative-global-progre

Más información:

Peter Smerdon, UNICEF New York, Tel + 1 212 303 7984[email protected]

Sarah Crowe, Voceiro para o Director Executivo, Tel: +1 646 209 1590, [email protected]

Comunicación, UNICEF España, Tel: + 34 609 160 051 / 91 378 95 55