UNICEF: hai nenos que están a ser asasinados no brutal conflito de Sudán do Sur

Varios nenos foron asasinados durante os enfrontamentos que se están a producir esta semana en Sudán do Sur, algúns como consecuencia dun ataque contra a poboación desprazada e outros por quedar atrapados no lume cruzado ou por ser recrutados por parte de forzas e grupos armados, segundo UNICEF.

Descoñécese aínda o número exacto de nenos mortos que se encontran entre as decenas de persoas que foron feridas ou asasinada por homes armados durante un ataque producido o xoves contra desprazados internos refuxiados nun centro da ONU para a Protección de Civís situado na cidade de Bor, no centro de Sudán do Sur. "Nenos completamente indefensos foron atacados nun lugar onde deberían estar a salvo", dixo Jonathan Veitch, Representante de UNICEFen Sudán do Sur. "O trauma que sofren os nenos que viven nestas circunstancias é indescritible", agregou. Durante os intensos combates que tiveron lugar a principios desta semana no centro petroleiro de Bentiu, centos de nenos fuxiron á base da ONUbuscando protección, mentres outros foron observados levando armas vestidos de uniforme en unidades militares, e tamén realizando adestramento militar. UNICEF ten probas cribles que confirman que ambas as dúas partes do conflito están a recrutar nenos. Un mozo de 16 anos, que fora recrutado había tres meses por un grupo armado, resultou ferido durante os combates. A súa familia levouno ao centro da ONU para a Protección de Civís, onde recibiu tratamento médico. Mentres tanto, unha nena de sete anos que presenciou o asasinato da súa familia nun hospital e un neno de 14 anos que resultou ferido durante un tiroteo, lograron sobrevivir no centro de Nacións Unidas. "Este é un feroz e brutal combate de infantaría, polo que os nenos non deben ser usados como instrumentos neste conflito", asegurou o representante de UNICEF, Jonathan Veitch. "Falamos do dano que sufrirán a longo prazo os nenos que son recrutados, pero neste momento, o principal temor é polas súas vidas. Aqueles que están en posicións de mando e de liderado teñen o deber de manter os nenos fóra de perigo e tomar todas as medidas necesarias para evitar que os nenos formen parte de grupos e forzas armadas".

Debido á inseguridade que sofre Sudán do Sur é imposible saber o número exacto de nenos recrutados no país aínda que hai informes que indican que a cifra é moi alta. Tanto a lexislación nacional sur sudanesa como a internacional prohibe o recrutamento forzado ou voluntario, así como o secuestro de persoas menores de 18 anos, para formar parte dun exército regular ou dunha milicia informal. Dende o comezo do conflito en Sudán do Sur en decembro de 2013, os axentes de protección e de dereitos humanos documentaron un aumento significativo de incidentes que involucran nenos. Os nenos e nenas foron asasinados, mutilados, violados, quedaron orfos ou foron recrutados e están fóra das súas casas. Máis dun millón de persoas víronse obrigadas a fuxir das súas casas polo conflito en Sudán do Sur.

Máis información sobre o traballo de UNICEF en Sudán do Sur:

http://www.unicef.es/infancia/emergencias-ayuda-humanitaria/crisis-humanitaria-en-sudan-del-sur

Más información:

Dailo Allí, Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55 / [email protected]