UNICEF envía subministracións de emerxencia a Somalia ante o empeoramento da desnutrición infantil

No sur do país, o 80% dos nenos sofre desnutrición

UNICEF enviou subministracións nutricionais de emerxencia e auga cara a Baidoa, na rexión de Bay ao sur de Somalia, como parte das intervencións vitais levadas a cabo para asistir aos nenos afectados pola seca en Somalia. Ademais, hai máis subministracións en camiño.  

A emerxencia humanitaria do Corno de África é a máis grave das que hai declaradas en todo o mundo, sendo Somalia o epicentro da crise. Máis de medio millón de nenos somalís están severamente desnutridos e necesitan asistencia humanitaria de forma inmediata. O sur, onde actualmente a situación humanitaria é moi grave, é a zona máis afectada, xa que o 80% de todos os nenos está desnutrido. Nalgunhas áreas do sur, un de cada tres nenos padece desnutrición severa. "Onte UNICEF enviou 5 toneladas métricas de subministracións nutricionais esenciais, como alimento terapéutico e medicinas para tratar nenos con desnutrición severa, e equipamentos para subministrar auga potable no campo de desprazados de Baidoa. Tamén están en camiño, vía Mogadiscio, subministracións sanitarias con kits que inclúen medicamentos básicos para tratar enfermidades infantís comúns, como infeccións respiratorias, diarrea, lesións menores e tratamentos contra parasitos, para que 10 centros de saúde atendan a unhas 100.000 persoas nuns tres meses" asegura a Representante de UNICEF en Somalia, Rozanne Chorlton. Estamos preparados para traballar en calquera lugar de Somalia, xa que temos acceso aos nenos máis vulnerables que necesitan axuda" subliñou.

Somalia é o epicentro do desastre pola súa situación extremadamente fráxil, debido aos efectos do conflito e a inseguridade, que aumentaron mentres o cambio climático e a suba dos prezos golpeaban con intensidade a poboación. Os nenos que sofren desnutrición severa teñen 9 probabilidades máis de morrer que os nenos sans, e mesmo os nenos que sofren desnutrición moderada teñen un risco significativamente maior de morrer. A desnutrición priva os nenos dos micronutrientes que son esenciais para o seu crecemento e desenvolvemento, e fai que os nenos sexan máis susceptibles ás enfermidades. Cando non mata, a desnutrición pode deixar secuelas permanentes: lesións físicas ou intelectuais e sufrir os efectos dun sistema inmune débil.

Entre xaneiro e maio,UNICEF e os seus aliados proporcionaron tratamentos a máis de 100.000 nenos con desnutrición severa, a través de preto de 800 centros nutricionais en Somalia. Destes nenos atendidos, faleceron uns 460 (unha media de 90 nenos cada mes), localizándose máis do 86% dos falecementos nas rexións centrais e do sur. O máis alarmante desta traxedia é que estas cifras de nenos falecidos son só dos casos que foron identificados, podendo ser moitos máis os que falecen sen chegar a un centro de nutrición. Os nenos non morren só porque non teñen suficiente comida. Están a morrer ou terán secuelas de por vida porque son máis propensos ás enfermidades, porque beben auga contaminada, non son vacinados, ou teñen unha dieta pobre. Todas estas condicións están a empeorar agora e son agravadas cando as familias son forzadas a desprazarse.

"Urxe solucionar a falta de axuda alimentaria e doutros recursos para afrontar a inseguridade alimentaria no sur para aliviar o impacto da crise actual. En calquera caso, non só é suficiente a comida. Os nenos e as súas familias necesitan servizos sanitarios, auga potable, nutrición e un axeitado nivel de coidado e protección" engadiuChorlton. Xunto ás intervencións que UNICEF leva realizando ininterrompidamente en gran parte do centro e sur de Somalia -que inclúe a xestión de 500 centros de alimentación suplementaria para tratar nenos con desnutrición aguda-,UNICEF aumentou a súa resposta para facer fronte á crise actual.

Doazóns para a emerxencia nutricional no Corno de África:

Teléfono: 902 31 41 31

Web:www.unicef.es

Conta corrente número :0182-2370-40-0208517159 (BBVA)

 

Más información:

Dailo Allí

Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]