UNICEF e os seus aliados traballan para previr unha segunda onda de mortes no Corno de África

Esta semana comezou unha campaña para vacinar contra o sarampelo a 750.000 nenos en Mogadiscio, en colaboración coa OMS

Cen días despois de que se declarase a fame  nalgunhas rexións do sur de Somalia, UNICEF e os seus aliados están a realizar importantes esforzos para previr unha segunda onda de mortes que podería ser máis devastadora debido ás enfermidades xurdidas no medio do conflito.
 

"A choiva aliviará a situación nas zonas afectadas pola seca en Somalia e países veciños. Pero, á vez, aumenta o risco de brote de enfermidades e dificulta a distribución de axuda," asegurou Elhadj As Sy, Director Rexional de UNICEF para África Oriental e Meridional.

 "O aumento dos enfrontamentos no sur de Somalia tamén está a dificultar que os nosos aliados poidan distribuír de maneira segura a axuda que salva as vidas dos nenos e as súas familias."

Como dixo Sy, estes factores poderían agravar a crise humanitaria que hai en Somalia e en toda a rexión. "UNICEF intensificará os seus esforzos para chegar aos nenos alí onde estean e minimizar o impacto da xa deteriorada situación. Facemos un chamamento aos nosos doantes a reforzar a súa incalculable axuda" engadiu.

En Mogadiscio, UNICEF e a OMS comezaron esta semana unha campaña de vacinación contra o sarampelo dirixida a 750.000 nenos de entre seis meses e 15 anos. Desde a declaración de fame  en xullo, máis dun millón de nenos foron vacinados contra o sarampelo en Somalia. 

"En todo o país, decenas de miles de nenos morreron nos últimos meses, e centos máis morren cada día. Calquera atraso ou interrupción na distribución da axuda é unha cuestión de vida ou morte," dixo Sikander Khan, Representante de UNICEF en Somalia.

"Insto a todas as partes no conflito a cumprir coa súa obrigación moral e legal de proporcionar seguridade aos nenos e mulleres que se están enfrontando a este desastre," engadiu dende Nairobi.

Os nenos con desnutrición grave teñen 9 veces máis probabilidades de morrer de enfermidades infecciosas como o sarampelo, o cólera ou a malaria que os nenos en bo estado de saúde. Os casos de sarampelo aumentaron considerablemente este ano, en xullo, cando a fame  declarouse, os casos de sarampelo eran 7 veces superiores aos do mesmo mes de 2010.

Tamén implica un gran risco o feito de que haxa un gran número de persoas desprazándose, saturando de maneira extrema os campamentos, que exista un baixo nivel de inmunización e que as infraestruturas de auga e saneamento non reúnan as condicións adecuadas. O comezo da tempada de choivas xeralmente provoca picos no número de persoas que sofren enfermidades relacionadas coa auga como diarrea aguda e malaria.

O número de casos desta enfermidade é tamén alto na veciña Kenya, onde hai un brote de febre por dengue.

Os enfrontamentos e o aumento da seguridade na área fronteiriza produciron un descenso significativo no número de refuxiados somalíes que cruzan a Kenya, baixando dos 3.400 das semanas anteriores a 100 persoas durante a semana do 17 ao 23 de outubro. 

A pesar da suspensión temporal de todas as actividades, menos as que resultan vitais, nos campamentos de refuxiados de Dadaab, no nordés de Kenya, despois do secuestro de dous traballadores humanitarios, UNICEF comprometeuse a continuar dando apoio aos nenos con desnutrición grave e aos enfermos, á vez que segue proporcionando auga potable, acceso a educación e protección a través das súas organizacións aliadas.

Desde a declaración de fame  o 20 de xullo, case 110.000 nenos gravemente desnutridos foron tratados en centros apoiados por UNICEF na rexión. Máis de 2,6 millóns de persoas recibiron acceso a auga potable e máis de 1,5 millóns recibiron subministracións e información sobre prácticas de hixiene saudables. Desde xullo, distribuíronse por aire, terra ou por mar ao sur e centro de Somalia 8.700 toneladas métricas de subministracións que salvan vidas.
 "A resposta da comunidade internacional desde a declaración de fame  foi tremenda," dixo As Sy. "Pero a magnitude da crise é tal que estamos lonxe de chegar a todos os nenos"

O chamamento de UNICEF para financiar as súas operacións no Corno de África en 2011 foi de 425 millóns de dólares (299,97 millóns de euros). As necesidades para 2012 tamén roldarán os centos de millóns e será necesario que as contribucións se produzan de maneira urxente para que os programas de alimentación poidan apoiar aos nenos e as súas familias sen interrupcións.

Só para Somalia, UNICEF necesita 300 millóns de dólares en 2012 (211,74 millóns de euros) para garantir o actual nivel de apoio e aumentalo onde se necesite. "Necesitamos conseguir estes fondos canto antes para garantir a distribución de subministracións críticas para manter aos nenos vivos," dixo Khan.
 

Para descargar videos sobre o Corno de África:

https://unicefweb.unicef.es/com/cuernodeafrica

Usuario:     Refcom

Contrasinal:   uce442087

Reportaxes en español disponibles en:tv.unicef.es

Más información:

Dailo Allí

Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]

www.unicef.es

Síguenos en Facebook e Twitter

Visita a nosa televisión on line: tv.unicef.es