UNICEF e a OMS piden que se levante o asedio ás comunidades en Siria
Declaración conxunta de Alan Alwan, director rexional da OMS, e Peter Salama, director rexional de UNICEF
A distribución esta semana de axuda humanitaria[i],que se necesita urxentemente nas comunidades asediadas de Madaya, Foua e Kafraya, é un paso positivo para a poboación desesperada.
Durante a misión a Madaya, os
nosos equipos atopáronse con nenos angustiados e famentos, algúns
deles gravemente desnutridos, xunto con adultos en condicións
similares. A cidade, cunha poboación de 40.000 habitantes, conta só
con dous médicos, cuxa capacidade para salvar as vidas de civís é
moi limitada. Os servizos médicos e sanitarios, como a vacinación,
están a desaparecer. Os nenos pequenos de Madaya levan preto de dez
meses sen recibir as súas vacinas contra a polio, o sarampión e
outras enfermidades.
Esta situación non é exclusiva de
Madaya. No resto de Siria hai zonas civís asediadas polas distintas
partes en conflito en quince lugares[ii]. Unhas 400.000 persoas están
atrapadas nestas áreas, algúns durante anos, cun acceso moi
limitado a alimentos, auga potable, sanidade e outros servizos
básicos. O resultado é a perda de moitas vidas, sobre todo de
persoas maiores e nenos.
Noutras partes do país máis de 4
millóns de persoas viven en zonas inaccesibles, cun acceso moi
puntual a subministracións humanitarias. O estado de sitio e non
permitir o acceso humanitario aos civís seguen sendo tácticas de
guerra que violan o Dereito Internacional Humanitario.
A desnutrición é especialmente
unha ameaza para os nenos e as persoas con enfermidades crónicas
atrapadas nestas áreas, e failles máis vulnerables á enfermidade e
a un atraso no seu desenvolvemento a longo prazo. Mentres tanto, as
nais que sofren desnutrición son máis propensas a ter nenos
desnutridos.
Se a axuda humanitaria non empeza
a chegar inmediatamente e de maneira regular a todas as zonas
asediadas e de difícil acceso, as taxas de desnutrición en Siria
seguirán aumentando e perderanse máis vidas.
Permitir o acceso a distribucións
limitadas de subministracións humanitarias non é suficiente.
Necesítase o inmediato levantamento do asedio en Siria, seguido da
avaliación do estado de saúde e das necesidades da poboación, a
provisión in situ de atención sanitaria e terapéutica nutricional,
e a evacuación dos feridos e os enfermos para ser tratados.
UNICEF e a OMS piden a todas as
partes en conflito que respecten o Dereito Internacional
Humanitario e permitan e faciliten un acceso humanitario inmediato
e ininterrompido a todas as zonas do país.
[i] O luns 11 de xaneiro UNICEF e a OMS participaron en
dous convois de varias axencias para distribuír en Madaya, Foua e
Kafraya as subministracións que tanto se necesitan.
UNICEF distribuíu
subministracións terapéuticas e nutricionais como micronutrientes,
galletas enerxéticas e alimento terapéutico, así como medicamentos
para tratar a desnutrición severa e moderada.
A OMS proporcionou en Madaya 7,8
toneladas de medicamentos, artigos médicos e cirúrxicos; e en Foua
e Kafraya 3,9 toneladas de axuda como alimento terapéutico,
antibióticos e medicamentos para tratar enfermidades
nocontagiosas.
[ii] Informe do Secretario Xeral sobre a implementación
da resolución do Consello de Seguridade 2139 (2014), 2165 (2014)
and 2191 (2014), decembro 2015.