UNICEF E O PMA TRABALLAN PARA REMATAR COA DESNUTRICIÓN EN SUDÁN DO SUR

COMUNICADO CONXUNTO

O Programa Mundial de Alimentos (PMA) e UNICEF están a intensificar os seus esforzos para reverter a situación da desnutrición grave en Sudán do Sur, onde o brutal conflito forzou o desprazamento de millóns de persoas, destruído os servizos básicos e provocado un aumento das enfermidades e agravado a situación de fame.

UNICEF e o PMA lanzaron hoxe un plan conxunto de resposta para mellorar a nutrición, que permitirá a ambas as dúas axencias e os seus aliados apoiar máis de dous millóns de persoas - nenos, mulleres embarazadas e novas nais- no tratamento e prevención da desnutrición aguda no país ata maio de 2016. Ambas as dúas axencias comezaron a traballar de forma conxunta neste novo enfoque o ano pasado e agora embárcanse no segundo ano do plan co compromiso de ampliar o seu traballo para salvar vidas.

"En Sudán do Sur, cada dous minutos, outro neno pasa a ser un neno severamente desnutrido. O ano pasado axudamos a evitar unha fame. Agora debemos aumentar os nosos esforzos para evitar unha perda catastrófica de vidas de nenos pequenos", dixo Jonathan Veitch, representante de UNICEF en Sudán do Sur.

Esta renovada estratexia conxunta vai acompañada por un informe que mostra que a acción emprendida no primeiro ano por ambas as dúas axencias axudou a previr a fame e a salvar vidas, ao chegar a un millón de persoas en todo o país mediante métodos innovadores como os equipos conxuntos de resposta rápida nos estados afectados polo conflito e unha mellora da resposta nos estados non afectados.

"No primeiro ano traballamos baixo condicións extremadamente difíciles para levar a atención nutricional que tanto necesitaban a todas as persoas que puidemos en todos os lugares que puidemos", dixo Joyce Luma, director de país e representante do PMA en Sudán do Sur. "Se miramos cara a diante, queremos mellorar a
calidade dos servizos de nutrición para seguir previndo e tratando a desnutrición aguda".

O plan de resposta conxunto cobre todos os estados de Sudán do Sur. Buscarase involucrar máis aliados locais e do goberno, e mellorar a súa capacidade para tratar a desnutrición. O plan de resposta nutricional tamén traballará para abordar as causas e orixe da desnutrición, como a pobreza, auga e saneamento axeitados e hábitos alimenticios de bebés e nenos.

A desnutrición en Sudán do Sur é un problema crónico, así como a situación de grave emerxencia actual, e é necesario un enfoque tanto na prevención coma en proporcionar unha xestión de calidade da desnutrición aguda para garantir a saúde da próxima xeración.

A taxa de desnutrición aguda global (GAM, polas súas siglas en inglés) segue sendo alarmantemente alta - moi por enriba do albor de emerxencia do 15% na maior parte do país - especialmente nas rexións os Estados do Gran Alto NiloWarrap e o norte de Bahr el Ghazal. Un cuarto de millón de nenos están gravemente desnutridos.

Mentres o acordo de paz asinado en agosto ofrece esperanza para o novo país, os servizos básicos de saúde e nutrición continúan fóra do alcance de gran parte da poboación. Dende abril, os intensos combates obrigaron centos de miles de persoas a fuxir á selva ou pantanos en busca de protección, onde quedan lonxe da asistencia humanitaria. Os servizos básicos que se restableceron o ano pasado foron destruídos, incluíndo hospitais, augas potables e centros de tratamento de nutrición -tanto ambulatoria e como en instalacións sanitarias.

Dende que comezase o conflito en decembro de 2013, máis de dous millóns de persoas víronse forzadas a desprazarse dos seus fogares en Sudán do Sur, máis da metade deles nenos. As axencias humanitarias seguen facendo fronte aos desafíos para continuar chegando á poboación afectada con servizos de nutrición.

O programa de nutrición de UNICEF e o PMA 
que salva vidas en Sudán do Sur está financiado por varios doadores, entre eles, a Comisión Europea, Xapón, Noruega, Suíza, o Reino Unido e os Estados Unidos.

Más información:

Belén de Vicente, UNICEF España: 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]

Lucía Fernández, PMA/Madrid: 672 068 169, [email protected]