UNICEF amplía a súa resposta en Grecia para dar maior apoio aos nenos en saúde, protección e educación

Dos 55.000 migrantes e refuxiados actualmente estancados en Grecia, aproximadamente 22.000 son nenos e están aloxados en 35 campos de refuxiados no país.

A directora rexional de UNICEF para Europa central e oriental, Marie-Pierre Poirier e Nana Mouskouri, Embaixadora de Boa Vontade de UNICEF están a realizar unha misión de catro días por Grecia que inclúe visitas de recoñecemento do traballo que se está realizando para axudar a nenos refuxiados e migrantes e ás súas familias en Atenas e o Pireo.

"A extraordinaria demostración do pobo grego, do goberno e da sociedade civil axudando aos miles de refuxiados e migrantes debe ser motivo de recoñecemento", comentou durante a súa visita a Sra. Poirier.
 
"Non poden facelo sós. Por iso UNICEF está a ampliar a súa resposta, xunto co goberno, os aliados humanitarios locais, e outras axencias da ONU co obxectivo de dar maior apoio aos nenos e responder as súas necesidades máis urxentes de protección, saúde e educación".

Notas do editor: A resposta de UNICEF ata agora na crise de migrantes e refuxiados en Grecia:

Proteción infantil: UNICEF traballa cos seus aliados en Grecia para apoiar aos nenos refuxiados e migrantes, así como ás súas familias, en diferentes lugares do norte do país e da rexión de Attika. Como parte do apoio proporcionado, os nosos equipos de protección infantil  están a percorrer o país para identificar, avaliar e dar coidados e información aos nenos vulnerables. Tamén apoiamos centros de acollida onde mulleres e nenos refuxiados reciben información, coidados e atención. UNICEF traballa en alianza co Ministerio de Traballo, Servizos Sociais e Solidariedade, e co Instituto Nacional de Solidariedade para mellorar os sistemas de rexistro e coidado, especialmente para os menores non acompañados, así como para facer un seguimento do cumprimento dos seus dereitos e necesidades. Ademais,  UNICEF está a ultimar os acordos para proporcionar apoio legal aos menores non acompañados e outros grupos vulnerables, sempre analizando as garantías dos dereitos da infancia.

Educación – Durante o verán, UNICEF apoiará ao Ministerio de Educación co despregamento de servizos de educación (como a aprendizaxe da lingua e outras actividades) para os nenos nos campamentos de refuxiados. A medio prazo axudará na integración de nenos refuxiados dentro da escola nacional grega a través de aprendizaxes recreativas e baseadas en xogos, habilidades para a súa vida cotiá e de apoio psicosocial.

Saúde e Nutrición – UNICEF está a traballar co Ministerio de Saúde nunha campaña de vacinación ao mesmo tempo que promociona directrices para a lactación materna e para achegar aos nenos, embarazadas e nais lactantes aos estándares internacionais en nutrición.

Acerca de UNICEF

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas partes.

Más información:

Belén de Vicente

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]

www.unicef.es

Síguenos en  Facebook  Twitter Youtube Instagram

Visita a nosa televisión dixital tv.unicef.es