UNICEF: 2 millóns de nenos afectados polo conflito e a inseguridade en República Centroafricana
Debido aos saqueos e a inseguridade que está a provocar o conflito en República Centroafricana, 2 millóns de nenos seguen sen ter acceso a servizos sociais básicos e están expostos á violencia. Mesmo máis nenos se poderían ver afectados se a situación no país non se estabiliza rapidamente.
Unha semana despois de que a coalición Seleka tomase o país, UNICEF advirte de que as condicións de seguridade están a impedir que a axuda humanitaria chegue aos nenos. Como resultado moitos nenos poderían morrer, e xa moitos se encontran en estado de fraxilidade.
"Os nenos da República
Centroafricana son dos máis vulnerables de África mesmo antes de
que se producise o agravamento dos combates", dixo Manuel Fontaine, Director Rexional de UNICEF. "É imprescindible contar con acceso total
e seguro ás comunidades afectadas polo conflito. Con cada día que
se perde, cada entrega frustrada e cada subministración roubada,
aumenta o risco de que máis nenos poidan morrer. "
Tras a recente toma deBangui e debido aos saqueos
xeneralizados que se están a producir, UNICEF estima que polo menos 4,1 millóns de
persoas, case a metade dos cales son nenos, están directamente
afectados pola crise. Ademais, dende finais de decembro, 1,2
millóns de persoas non teñen acceso a servizos
esenciais.
Esta semana roubaron do
almacén principal de UNICEF dez
toneladas métricas de subministracións que estaban previstas ser
distribuídas a 30.000 persoas vulnerables,
especialmente nenos e mulleres, nos próximos días e semanas. Entre
as subministracións roubadas había kits de auga, mantas,
mosquiteiras, lonas plásticas, medicamentos e produtos
nutricionais.
"As necesidades e os dereitos dos nenos deben ser unha prioridade para o novo goberno", dixo Souleymane Diabate, Representante de UNICEF en República Centroafricana. "Traballar nun ambiente seguro e ter acceso a toda a poboación é fundamental paraUNICEF e outros actores humanitarios. "
"Por cada día que non
podemos realizar o noso traballo onde máis se necesita, aumenta o
risco de que aparezan enfermidades e epidemias. Como pode avanzar a
República Centroafricana se se rouban as subministracións
humanitarias esenciais que van destinadas ás persoas que máis os
necesitan?, engadiu Diabate.
"
UNICEF fai un chamamento a todas as partes no
conflito a que poñan fin inmediatamente ao saqueo das
subministracións humanitarias, que garantan o acceso libre e seguro
dos traballadores humanitarios para poder chegar aos máis
necesitados, e que respecten os principios humanitarios, os
dereitos humanos e o Estado de dereito.
"Chegou o momento de que
a coalición Seleka, que asumiu o poder
a semana pasada, demostre realmente o seu compromiso cos principios
humanitarios e os dereitos humanos de todos os centroafricanos",
dixo Manuel Fontaine, Director
Rexional de UNICEF para África
Occidental e Central.