A sociedade española e os sectores privado e público contribúen con 6,7 millóns de euros ao traballo de UNICEF en Filipinas

UNICEF España agradece a súa colaboración aos miles de persoas, medios de comunicación, empresas e entidades de distintos sectores

UNICEF Comité Español quere expresar o seu agradecemento a todas as persoas, empresas e institucións privadas e públicas que apoiaron o seu traballo durante a primeira fase de emerxencia tras o paso do desvastador tifón Haiyan en Filipinas. Grazas á súa solidariedade nos dous primeiros meses tras o tifón puidéronse enviar dende España 3 millóns de euros para responder ás necesidades prioritarias dos nenos afectados e das súas familias. Xunto a esta achega hai outros 3,7 millóns comprometidos.

Do total das achegas recibidas no Comité Español deUNICEF un 97% provén de persoas a título individual e do sector privado, e o 3% restante de administracións públicas. A súa contribución foi destinada á axuda humanitaria urxente e á protección de nenos afectados e as súas familias. En total, recibíronse 1.030.001 SMS na campaña de UNICEF Comité Español para esta emerxencia, máis de 150 medios de comunicación colaboraron na difusión da situación da infancia e da campaña por Filipinas, máis de 100 empresas e entidades de distintos sectores achegaron fondos e deron difusión entre traballadores e clientes, preto de 100 centros educativos e universidades difundiron a situación, ao igual que máis de 30 personaxes públicos e miles de seguidores en redes sociais. Este xeneroso apoio converteu ao comité español na terceira oficina deUNICEF que máis fondos achegou en todo o mundo. "Dende UNICEF Comité Español queremos expresar o noso recoñecemento a cada un dos nosos socios, doadores e aliados. Polo seu compromiso firme, polo seu apoio constante e por responder de inmediato a situacións dramáticas como a que sementou o tifón Haiyan", dixo Consuelo Crespo, presidenta de UNICEFComité Español. Os embaixadores de UNICEF Comité Español Ana Duato e Pau Gasol implicáronse dende o primeiro momento. Ambos os dous protagonizan o anuncio de campaña no que recordan que millóns de nenos perderon todo a causa do tifón. Xunto a eles, dous nenos, Rocío Navarro e Ricardo Lezón, animaban á colaboración con UNICEFpara cubrir as enormes necesidades inmediatas dos afectados. Co comité de UNICEF en Estados Unidos,Pau Gasol fixo un reto persoal por Filipinas nun dos seus partidos con Los Lakers.

Destacados xogadores de fútbol como o Amigo deUNICEF Comité Español Sergio Ramos, participaron no partido de fútbolChampions for Life que tivo lugar no estadio Santiago Bernabéu o 30 de decembro, organizado pola Liga de Fútbol Profesional. Ao encontro acudiu o Cónsul Xeral da Embaixada de Filipinas en España, Catalino Dilmes, quen expresou o seu "agradecemento" por organizar este partido a beneficio dos nenos afectados por esta traxedia, e por axudarnos nesta gran tarefa de rehabilitación á que nos enfrontamos agora. " En programas de televisión e outras iniciativas, os Amigos deUNICEF Comité Español David Bisbal, Eva González e Juan e Medio tamén apoiaron a campaña, ao igual que os cantantes Manu Carrasco, Rosario, Malú e Antonio Orozco. Grazas a todas as colaboracións e as achegas de millóns de doadores en distintos países, e da comunidade internacional, UNICEF cubriu xa os fondos necesarios para desenvolver a fase máis urxente do Plan de Resposta ás necesidades inmediatas e urxentes dos nenos e familias afectadas para todo 2014. Os fondos que se reciban a partir de agora para Filipinas irán destinados ao traballo de recuperación e reconstrución de 2015. Para iso UNICEF segue traballando sen descanso con equipos de emerxencia locais e desprazados ás zonas máis afectadas.

O traballo de UNICEF en Filipinas

Os fondos conseguidos en España contribúen ao traballo que dende o minuto un leva a cabo UNICEF en Filipinas, e que ata o momento tivo estes resultados:

  • En auga, hixiene e saneamento: 765.787 persoas teñen acceso a auga segura, 339.467 teñen artigos de hixiene básica e 129.350 acceso a latrinas portátiles.
  • En nutrición: 45.000 nenos recibiron micronutrientes e máis de 28.000 nenos vitamina A. Distribuíuse alimento terapéutico para 800 nenos con desnutrición aguda grave e establecéronse 32 tendas para as nais e os seus bebés, co propósito de promover a lactación materna.
  • En saúde: máis de 73.660 nenos foron vacinados, ata o momento, contra a polio e o sarampelo.
  • En educación: máis de 44.800 nenos son atendidos nos 448 espazos temporais de aprendizaxe, equipados con material educativo e de ocio, e máis de 379.800 nenos recibiron materiais educativos. Ademais, distribuíronse 30 carpas escolares do tamaño dunha aula, 1.800 escolas nunha maleta, 1.350 kits recreativos e 400 kits de educación temperá nas áreas afectadas.
  • En protección: 5.000 nenos asisten aos Espazos Amigos da Infancia. Abríronse 14 Espazos Amigos da Infancia (9 enTacloban, 1 en Guiuan e 1 nun centro de tránsito en Manila) e estase a apoiar outros 10 xestionados por outras ONG. Séguese traballando para localizar, identificar e reagrupar os nenos que se encontran sós ou separados dos seus pais.

Más información:

Dailo Allí, Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

[email protected]