Shakira e UNICEF piden aos dirixentes que se unan á revolución da primeira infancia

200 millóns de nenos non logran alcanzar todo o seu potencial de desenvolvemento

A Embaixadora de Boa Vontade de UNICEF Shakira instou hoxe aos líderes mundiais a que aumenten o investimento no desenvolvemento da primeira infancia, baseándose nas novas teorías científicas sobre os efectos duradeiros da privación e a tensión no cerebro dos nenos durante o seu desenvolvemento.

"Máis de 100 millóns de nenos non están escolarizados e 159 millóns nenos e nenas menores de cinco anos atópanse física e cognitivamente atrasados no seu desenvolvemento debido á falta de atención e dunha nutrición adecuada. Cada ano que pasa sen que fagamos un investimento importante no desenvolvemento da primeira infancia e en iniciativas que aborden estes temas, millóns de nenos nacerán atrapados no mesmo ciclo de pobreza e falta de oportunidades", dixo Shakira.
 
"UNICEF e eu unimos as nosas forzas e estamos aquí hoxe porque investir cedo nos nenos é unha cuestión urxente e non hai un instante que perder", engadiu.
 
O desenvolvemento cerebral é máis intenso durante a primeira infancia, xa que se producen case 1.000 conexións neuronais cada segundo. Estas conexións sinápticas temperás forman a base da saúde e o benestar do neno, incluíndo a súa capacidade permanente de aprender, de adaptarse aos cambios e de facer fronte á adversidade. Con todo, case unha terceira parte de todos os nenos menores de 5 anos que viven en países de baixos e medianos ingresos están a crecer en ambientes e situacións que poden interferir con este período de rápido crecemento e desenvolvemento.
 
As novas investigacións científicas mostran que os cerebros en desenvolvemento dos nenos pequenos están baixo o efecto dos factores da contorna, o mesmo que ocorre cos factores xenéticos. Unha nutrición inadecuada, a falta de estímulo e a tensión tóxica poden ter repercusións negativas no desenvolvemento do cerebro. Pero estas investigacións indican tamén que as intervencións temperás e rendibles, como fomentar a lactación materna ou ler e xogar cos nenos, así como os programas oficiais de educación da primeira infancia, serven para fortalecer o desenvolvemento saudable do cerebro.
 
Estes achados presentan importantes implicacións para os nenos que crecen na pobreza extrema, expostos á violencia doméstica, ou en países afectados por conflitos e outras crises. Todos estes factores que actúan sobre o cerebro en desenvolvemento poden alterar realmente a expresión dos xenes, afectando potencialmente á próxima xeración.
 
"O que estamos a aprender acerca de todos os factores que afectan o cerebro dun neno -se se alimenta ben o seu corpo, se se estimula a súa mente, se está protexido contra a violencia- debe cambiar a forma en que pensamos sobre o desenvolvemento na primeira infancia... e na maneira en que actuamos", dixo o Director Executivo de UNICEF, Anthony Lake. "Para dar a cada neno unha oportunidade xusta na vida, necesitamos investir ao comezo, investir equitativamente e investir intelixentemente- non só na educación, senón tamén na saúde, a nutrición e a protección".
 
As probas apuntan cada vez máis a que o investimento na primeira infancia é unha das formas máis rendibles de lograr o desenvolvemento sustentable. Un estudo sobre o aumento da matriculación preescolar en 73 países descubriu que, por cada dólar investido, os salarios futuros aumentaban de 6 a 17 dólares, o que indica beneficios potenciais a longo prazo que oscilan entre os 11.000 millóns e os 34.000 millóns de dólares.
 
A escala entre os custos e os beneficios demostra que por cada dólar que se gasta en mellorar o desenvolvemento na primeira infancia, os réditos poden ser como media de 4 a 5 veces maiores que a cantidade investida e, nalgúns casos, moito máis aínda.
 
Shakira participou xunto ao Secretario Xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-moon, o Director Executivo de UNICEF, Anthony Lake, e o Dr. Jack P. Shonkoff, Director do centro para o desenvolvemento do neno da Universidade de Harvard, así como con dirixentes empresariais, nun acto privado sobre o desenvolvemento na primeira infancia na sede das Nacións Unidas en Nova York. 
 
O acto celebrouse na véspera do anuncio esta semana dos novos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que oficialmente inclúen o desenvolvemento na primeira infancia como parte da axenda transformadora para 2015 e anos posteriores. O desenvolvemento na primeira infancia proporciona un vínculo natural entre os distintos obxectivos mundiais, e produce un efecto multiplicador que pode axudar a combater a pobreza, a mellorar a saúde e a nutrición, a promover a igualdade de xénero e a reducir a violencia.
 
"Transformar este novo coñecemento en acción pode cambiar a vida de millóns dos nenos máis desfavorecidos", dixo Lake. "O coñecemento é irrefutable. O argumento moral é sólido. A tese en favor do investimento é persuasiva. O impulso dos ODS xa está entre nós. E o poder de actuar está nas nosas mans".

Para acceder a vídeos e fotografías: http://uni.cf/1MmDUzm

Más información:

Melanie Sharpe, UNICEF Nova York +917-251-7670 [email protected]

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]