República Centroafricana: máis de 300 nenos soldado liberados de grupos armados

Máis de 300 nenos, incluídos varios menores de 12 anos, foron liberados de grupos armados en República Centroafricana tras o acordo facilitado por UNICEF que alcanzaron os líderes das faccións para liberar a todos os nenos nas súas filas.

Un total de 357 nenos foron liberados polas milicias anti Balaka e os ex combatentes Seleka en tres cerimonias celebradas preto da cidade de BambariUNICEF e os seus aliados comezaron os esforzos para proporcionar apoio psicosocial e para reunificar os nenos coas súas familias, e contribuirá á súa reinserción nas súas comunidades.

"Despois de dous anos de intensa loita, a liberación de nenos por parte destes grupos -no mesmo día- supón un paso real cara á paz", dixo Mohamed Malick Fall, representante de UNICEF, quen asistiu ás cerimonias de hoxe. "A violencia e o sufrimento poden agora dar paso a un futuro máis luminoso para os nenos".


Os nenos foron sometidos a exames médicos e tiveron a oportunidade de falar con traballadores sociais formados. Cando as condicións de seguridade o permitan, os nenos que teñan familiares na zona serán reunidos con eles, mentres que outros serán levados con familias de acollida ata que as súas sexan localizadas.

Os eventos de hoxe representan a maior liberación de nenos vinculados a grupos armados en República Centroafricana dende que estalara a violencia en 2012.

"Este foi o comezo dun proceso que esperamos culmine na liberación de miles de nenos vinculados con grupos armados en República Centroafricana", dixo Fall."Cada un deles necesitará un grande apoio e protección para poder reconstruír as súas vidas e retomar a súa infancia".

O acordo por parte dos líderes dos dez grupos armados de República Centroafricana para liberar os nenos das súas filas foi asinado durante un foro de reconciliación nacional que tivo lugar na capital, Bangui, a semana pasada, como resultado dunha colaboración entre UNICEF, a Misión Multidimensional Integrada de Estabilización das Nacións Unidas en República Centroafricana (MINUSCA) e o goberno do país.

UNICEF estima que actualmente hai entre 6.000 e 10.000 nenos asociados ás faccións armadas do país. A cifra inclúe a aqueles que serven como combatentes, aos que son utilizados con fins sexuais e aos cales traballan como cociñeiros, mensaxeiros e noutras funcións.

O acordo tamén compromete aos grupos a poñer fin a calquera novo recrutamento de nenos e dá a UNICEF e os seus aliados acceso inmediato e ilimitado ás áreas baixo o seu control para identificar e verificar o número de nenos afectados e garantir a súa liberación.

UNICEF advertiu de que o proceso de liberación e reinserción dos nenos requirirá máis fondos, xa limitados, para responder á emerxencia humanitaria en República Centroafricana. Ata o 30 de abril UNICEF
 recibira 17 millóns de dólares dos 73,9 millóns que se necesitan este ano.

Más información:

Donaig Le Du, UNICEF Bangui, [email protected], +236 700 09706

Tim Irwin, UNICEF África Occidental e Central, [email protected] +221 77 676 5117

Belén de Vicente, UNICEF España, 609 160 051 / 91 378 95 55, [email protected]