Os fillos de inmigrantes teñen problemas para cubrir necesidades básicas, acceder a axudas públicas, atención sanitaria e ensino

Un informe da Fundació Pere Tarrés e UNICEF España reflexa as dificultades de nenos de orixe estranxeira para acceder aos seus dereitos.

Os nenos de familias inmigrantes que viven en España teñen dificultades para acceder a dereitos fundamentais como a alimentación, a educación ou a saúde, segundo o informe Abrindo ventás: infancia, adolescencia e familias inmigradas en situacións de risco social, presentado hoxe por UNICEF España e a Fundació Pere Tarrés.

Para a redacción do documento entrevistouse 106 profesionais implicados no traballo co colectivo de fillos inmigrantes, e oito menores de nacionalidade estranxeira. Os expertos alertan dalgunhas situacións extremas de nenos de orixe estranxeiro que teñen dificultades para cubrir as necesidades alimentarias, que van á escola sen almorzar ou sen ducharse porque non teñen auga na casa, ou que non poden pagar medicinas. En 2009 había en España 971.479 menores que tiñan nacionalidade estranxeira, é dicir, o 12% da poboación menor de 18 anos, concentrándose principalmente en Cataluña (21%), Madrid (18%), Comunidade Valenciana (14%) e Andalucía (12%) A maioría da poboación de 0 a 17 anos nacida no estranxeiro procede de países europeos (35%) e americanos (48%), seguidos polos africanos (14%) e os asiáticos (6%). Romanía encóntrase en primeiro lugar, cun 12% de poboación seguida de Ecuador (12%), Marrocos (11%) e Colombia (7%). O primeiro país asiático é China (4%).

O informe foi elaborado polas investigadoras Violeta Quiroga e Ariadna Alonso, daFundació Pere Tarrés, e analiza os factores que poden conducir a estes nenos a unha situación de risco social. Este traballo de investigación pon de manifesto dificultades á hora de empadroar os nenos debido a requirimentos dos concellos, a circunstancias familiares (alta mobilidade das familias) ou á imposibilidade de empadroar algúns menores acollidos en centros de protección por non dispoñer do documento de identificación con fotografía. Esta situación repercute no acceso dos nenos a servizos básicos como a sanidade. De feito, detectáronse casos de retirada de tarxetas sanitarias por falta de documentación. O informe presentado hoxe fai patente a existencia de dilemas e controversias xurídicas entre o ordenamento xurídico migratorio e o de protección dos dereitos da infancia, xa que detecta limitacións á hora de tramitar axudas públicas e situacións que vulneran o dereito ao reagrupamento familiar. Os expertos tamén destacan que os cambios continuos dos programas de ensino, a non inclusión da diversidade cultural no currículo académico e a incomprensión entre as familias e os colexios, representan un serio escollo para a formación. Estes problemas vense agravados polo coñecemento ás veces insuficiente da lingua, sobre todo en nenos de fala non hispana, e polos problemas económicos que afectan ás súas familias como consecuencia da precariedade laboral ou a falta de emprego.

Proba da precariedade na que viven moitas familias, é o relato de Ying Ying, unha moza chinesa de 15 anos que chegou a España a través do proceso de reagrupamento familiar. Durante a súa entrevista para o informe conta que "a miña familia e eu vivimos nun cuarto e as outras dúas familias tamén cada unha nun cuarto". No ámbito familiar, o documento subliña a ausencia de redes familiares extensas, unha insuficiente supervisión parenteral, violencia como medida correctora ou confrontación entre pais e fillos. Como consecuencia, prodúcense casos como o de Pedro, outro dos adolescentes entrevistados no informe. Ten 14 anos e chegou a España dende Ecuador con só 5. Recoñece que se xuntaba con "xente de bandas. Fun con eles dende os 11 aos 14 anos, agora xa non vou con eles, porque son xente perigosa. Cando estaba na banda metíame en pelexas e consumiamos drogas, como marihuana e hachix,".Walter, de Colombia, asegura que "algunhas veces non ía ao colexio, quedaba na casa dun amigo escoitando música e vendo a tele. Outras veces quedábame durmindo na casa, pero a miña nai non se decataba porque estaba a traballar. " Unha ausencia de control que repercute tamén no mantemento de concepcións e pautas culturais en campos como o da saúde sexual e reprodutiva. Gabriela, de orixe portuguesa e guineana, naceu en España, ten 17 anos e xa foi nai. "Dende que son nai todo cambiou, se o que é querer un fillo; as cousas non son doadas pero eu sempre loitarei por el, nunca o abandonarei como fixo ela (a súa nai) ", di. Por esa razón, o informe recomenda que se faciliten os trámites e requisitos para o reagrupamento familiar dos fillos menores de idade, así como as axudas que poidan minimizar as situacións de risco.

Boas prácticas

O documento formula 25 boas prácticas que poden axudar a corrixir algunhas das deficiencias detectadas en diferentes ámbitos. Dende o punto de vista educativo, recoméndase a formación sobre circuítos e funcionamento da escola para as familias inmigrantes, así como a preparación dos contidos das reunións escolares con criterios de atención á diversidade cultural nestes espazos (lingua, presenza de mediadores interculturais, orientación e atención individual, etc.).

Con familias sen alfabetizar, recoméndase que o seguimento dos hábitos e da traxectoria educativa dos fillos se leve a cabo con material máis gráfico, como as fichas e cores. Tamén se comprobou que a presenza de aulas de autoaprendizaxe nas escolas mellorou o rendemento escolar.

No ámbito familiar resáltanse os efectos positivos que teñen os Programas de Soporte Familiar desenvolvidos polos concellos a través de técnicos de reagrupamento familiar antes e despois da chegada dos nenos. Tamén se destacan os resultados das sesións de acompañamento individualizado á familia e ao neno reagrupado para reorientar as relacións familiares.

Para ver o informe completo: www.unicef.es

Para descargar fotografías da presentación do informe : http://www.flickr.com/photos/47746894@N07/sets/72157627759400527/

 

Más información:

Laia Ruich

Responsable Comunicació UNICEF Comité Cataluña

93-4531782 Ext. 107 / 647549974

[email protected]

 

Isabel Vergara

Responsable de prensa da Fundación Pere Tarrés

Tel.: 93 430 16 06 / 669844175

[email protected]