O aumento da violencia en República Centroafricana provoca máis mortes de nenos

Cada vez hai máis e máis nenos que están a ser asasinados ou que resultan feridos en lugares como zonas de xogo ou igrexas, debido ao aumento da violencia en República Centroafricana. UNICEF fai un chamamento a todos os grupos armados a deter as accións que están a poñer en perigo as vidas de civís tanto en enfrontamentos como impedindo que a axuda humanitaria chegue a aqueles que o necesitan.

"Os nenos están atrapados polo lume cruzado nas súas actividades diarias, cando xogan ao fútbol ou van á igrexa. Isto é excesivo" dixo Souleymane Diabate, Representante de UNICEF en República Centroafricana. "Hoxe por hoxe, quedan cada vez menos sitios seguros para os nenos en República Centroafricana. " Tres semanas despois de que a alianza rebelde Seleka se fixese co poder mediante un golpe de estado aumentou a inseguridade e rexístranse máis saqueos e violencia que puxeron as vidas dos nenos centroafricanos en máis risco que nunca. Dende o pasado venres, os enfrontamentos que teñen lugar na capital, Bangui, cobráronse as vidas de polo menos tres nenos, provocando 25 feridos, encontrándose catro deles en condicións críticas. Dende que comezaron os novos enfrontamentos a finais de marzo, moitos nenos foron vítimas de tiroteos, mentres outros foron recrutados por grupos armados. Tamén se confirmou que houbo un aumento de casos de violencia sexual. "Estamos a ver como o país se dirixe rapidamente a unha espiral de caos que ameaza as vidas de máis nenos" dixo Diabate. "A violencia contra os nenos debe deterse. Estes actos nos que persoas inocentes son asasinadas ou resultan feridas deben ser investigados inmediatamente polas autoridades que se encontran no poder".

A semana pasada, UNICEFdistribuíu kits cirúrxicos de obstetricia de emerxencia, equipamento sanitario e medicinas en 15 centros de saúde, catro hospitais e unha clínica materna en Bangui e arredores. Os nenos feridos a semana pasada recibiron atención médica de emerxencia grazas ás subministracións de UNICEF. Aínda así, hai unha grave escaseza de subministracións cirúrxicas e de doutores e enfermeiros cualificados no país mentres a inseguridade continúa impedindo o acceso humanitario a gran parte do país.UNICEF fai un chamamento á comunidade internacional para achega urxentemente os fondos humanitarios necesarios e comprométase a promover os esforzos necesarios para resolver o conflito e así deter inmediatamente a violencia antes de que o país se afunda nunha total anarquía e borre calquera esperanza de futuro para os nenos de República Centroafricana. O venres 12 de abril, nun esforzo por encontrar algo de normalidade no medio dos continuos enfrontamentos e o terror, un grupo de máis de 20 nenos de entre cinco e doce anos de idade estaban a xogar nunha zona de xogo en Bangui cando unha granada propulsada por un foguete caeu ao lado deles. Os 14 feridos foron levados inmediatamente ao masificado Hospital Pediátrico de Bangui para ser atendidos, de feito, dous nenos necesitaron cirurxía de emerxencia.

O domingo 14 de abril durante unha misa matutina na igrexa en Bangui, un foguete atravesou o teito e explotou. Sete persoas morreron inmediatamente, incluíndo tres bebés, mentres 11 nenos de entre 5 e 8 anos foron transferidos ao hospital pediátrico. 7 destes nenos recibiron cirurxía de emerxencia e a tres amputáronselles as súas pernas. O asasinato e a mutilación de nenos é unha grave violación dos dereitos dos nenos e constitúen crimes de guerra punibles pola Corte Penal Internacional.

Más información:

Dailo Allí

Xefe de Prensa de UNICEF España

Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]