Malia a marcada diminución das mortes por pneumonía do último decenio, aínda queda moito por facer
Con motivo da celebración do sexto Día Mundial contra a Pneumonía, UNICEF sinalou que a marcada diminución das mortes debidas a esa enfermidade demostra a eficacia das estratexias para derrotala. Non obstante, o organismo internacional tamén indicou que aínda queda moito por facer para evitar que centos de miles de nenos morran anualmente como consecuencia desa enfermidade previble.
A pneumonía segue sendo unha das principais causas de mortalidade
infantil, xa que representa o 15% das mortes, ou aproximadamente
940.000 nenos ao ano, pero a mortalidade debido á enfermidade
diminuíu nun 44% dende 2000, segundo cifras publicadas recentemente
por UNICEF.
"A pneumonía segue sendo unha enfermidade moi perigosa, que mata
máis nenos menores de cinco anos que o VIH/SIDA,
a malaria, as feridas e lesións e o sarampelo combinados,"
apuntou Mickey
Chopra,
xefe dos programas mundiais de saúde de UNICEF.
"Malia a diminución do número de mortes, esa enfermidade segue
causando case un millón de mortes por ano, de maneira que non
podemos baixar a garda. O maior factor de risco é a pobreza, e iso
significa que temos que orientar o noso labor a todos e cada un dos
nenos do mundo, por moi marxinados que estean".
As cifras máis elevadas de mortes debidas á pneumonía rexístranse
nas comunidades rurais pobres. Unha das principais causas desa
enfermidade é a contaminación do aire nas vivendas: os nenos que
viven en fogares onde se empregan para cociñar ou para a
calefacción combustibles sólidos, como a madeira, o carbón ou o
esterco, corren grave perigo. O amoreamento nas vivendas é outra
das causas dos niveis elevados de pneumonía. Ademais, os nenos
pobres teñen menos probabilidades de estar inmunizados contra o
sarampelo e a tose ferina,
que son dúas causas principais da pneumonía.
Debido a que o diagnóstico e tratamento temperáns da pneumonía, así
como o acceso á atención da saúde, poden salvar vidas, é necesario
que as estratexias que se empreguen estean dirixidas ás comunidades
de baixos recursos.
Malia que o aumento do emprego de vacinas contra a pneumonía, en
especial nos países de baixos ingresos, logrou bos resultados na
loita contra a enfermidade, aínda persisten disparidades, mesmo nos
países con ampla cobertura de inmunización.
"Para reducir o número de mortes previbles debidas
á pneumonía é imprescindible eliminar as disparidades en materia de
tratamento entre os pobres e os máis acomodados",
engadiu Chopra.
"Canto antes nos concentremos nas causas e as solucións xa
coñecidas, máis rapidamente poderemos controlar este flaxelo para a
infancia".
A División de Subministracións de UNICEF fixo
hoxe un chamamento aos innovadores do mundo para que produzan
medidores da frecuencia respiratoria mellores e máis económicos que
faciliten o diagnóstico oportuno da pneumonía, así como o seu
tratamento inmediato.
Existe un tratamento simple que deu excelentes resultados e que
consiste en que axentes sanitarios capacitados das comunidades
administren aos nenos enfermos o antibiótico amoxicilina en
comprimidos de doada inxestión, como parte dun programa integral de
tratamento individualizado a nivel comunitario. Se se aumentase a
dispoñibilidade de tratamentos e medicamentos igualmente económicos
axudaríase a reducir a disparidade en materia de tratamento, en
especial as carencias dos sectores da poboación aos que resulta
difícil prestar servizos.
Tamén se pode reducir a incidencia da pneumonía mediante outras
medidas simples, como a lactación materna temperá e exclusiva; o
lavado das mans con xabón; a vacinación; e a subministración de
micronutrientes.
Campaña ‘Agora non podemos parar’ de UNICEF Comité Español
Para seguir avanzando na loita pola supervivencia infantil en todo
momento e en todas as situacións, UNICEF Comité
Español puxo en marcha a súa campaña Agora non
podemos parar que, ata principios de 2015, pretende trasladar
á nosa sociedade os avances realizados e os grandes retos pendentes
para seguir salvando vidas.
Os índices de supervivencia infantil melloraron radicalmente: en
1990, 12,7 millóns de nenos menores de cinco anos morreron por
causas que podemos evitar; en 2013 esta cifra foi de 6,3 millóns. É
unha redución de case a metade, pero a pesar dos avances, máis de
17.000 nenos menores de cinco anos morren cada día por causas que
se poden evitar con medidas tan sinxelas como ter vacinas, auga ou
unha nutrición axeitada.
Para contribuir ao traballo de UNICEF contra a mortalidade infantil:
Envío de SMS coa palabra UNICEF ao 28028 *: 1,20 euros íntegros para UNICEF. Con esta cantidade pódese vacinar un neno contra varias enfermidades mortais, ou custear o tratamento contra a desnutrición para un neno durante un día.
Web: www.unicef.es/ahoranopodemosparar/
Teléfono: 902 31 41 31
*IMPORTE DO SERVICIO DE SMS 1,20€ ÍNTEGRO PARA UNICEF. Válido para Movistar, Vodafone, Orange, Yoigo e Euskaltel. Número sen fins comerciais. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 902228028, [email protected]. Información legal e protección de datos: www.unicef.es
Acerca de UNICEF
UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas as partes.