Máis de 300.000 nenos menores de 5 anos morreron por enfermidades diarreicas ligadas á falta de auga, saneamento e hixiene en 2015

Un simple xesto como o lavado de mans con xabón podería salvar miles de vidas

O cólera esténdese a gran velocidade en Haití tras o paso do furacán Matthew. Alén do mundo, en Iemen, un país devastado pola guerra, produciuse un novo brote desta enfermidade. Neste contexto, UNICEF insta os nenos, familias e comunidades a converter o lavado de mans con xabón nunha práctica que axude a previr o contaxio de enfermidades. 

En vésperas do Día Mundial do Lavado de Mans, UNICEF afirma que, en 2015, máis de 300.000 nenos menores de cinco anos morreron en todo o mundo por enfermidades diarreicas ligadas á falta de auga potable e saneamento. Isto implica que cada día morreron 800 nenos. Con todo, moitas destas mortes poderíanse evitar a través do simple xesto de lavarse as mans con xabón.
 
"Cada ano, 1,4 millóns de nenos morren por enfermidades prevenibles como a pneumonía e a diarrea", dixo o xefe de auga, saneamento e hixiene de UNICEF, Sanjay Wijesekera. "Trátase dunha cifra abafadora, que se podería reducir a través do traballo con nenos e familias para que adopten unha solución moi sinxela: o lavado de mans. Sabemos, por exemplo, que o lavado de mans con xabón despois de ir ao baño e antes de comer podería reducir a incidencia de enfermidades diarreicas nun 40 por cento".
 
Unha correcta práctica do lavado de mans tamén contribúe a un desenvolvemento san do neno, xa que axuda a que permaneza na escola. O lavado de mans mellora a asistencia escolar ao reducir o contaxio de enfermidades prevenibles, o que significa que os nenos non se teñen que quedar en casa por estar enfermos.
 
"O lavado de mans ten sentido como medida preventiva para manter aos nenos a salvo das enfermidades. É simple, rendible e demostrou salvar vidas", dixo Wijesekera.
 
En Haití, un país cunha débil infraestrutura de auga e saneamento e con persistentes brotes de cólera, aumentaron os casos sospeitosos desta enfermidade e a diarrea aguda desde o furacán do 4 de outubro.
 
"É un pesadelo para todos", dixo Marc Vincent, representante de UNICEF en Haití. "Case dúas semanas despois do furacán, o cólera pode estar a se expandir en zonas onde antes apenas existía e a diarrea apodérase de nenos xa de seu vulnerables. É imprescindible unha actuación inmediata, a saúde dos nenos está en perigo".
 
Datos sobre o lavado de mans:
 
·         1 gramo de feces contén 100 millóns de bacterias.
 
·         Aproximadamente 1 de cada 5 persoas en todo o mundo lávase as mans despois de ir ao baño.
 
·         Cada ano, 1,7 millóns de nenos non chegan aos seus quintos aniversarios por mor da diarrea e a pneumonía.
 
·         Cando os nenos lávanse as mans con xabón despois de ir ao baño ou antes de comer, redúcese o risco de que contraian diarrea en máis dun 40 por cento.
 
·         Infeccións respiratorias graves como a pneumonía son a causa principal de morte en nenos menores de 5 anos.
 
·         Algúns indicios suxiren que o lavado de mans con xabón despois de ir ao baño e antes de comer podería reducir a taxa de contaxio de pneumonía entre os nenos nun 25 por cento.

Para descargar contido multimedia sobre o Día Mundial do Lavado de Mans: http://weshare.unicef.org/mediaresources

Descargar fotos e vídeosdos centros de tratamento de cólera en Haití.

Más información:

Belén de Vicente

UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: [email protected]