Loitar contra as enfermidades máis mortíferas para os nenos máis pobres do mundo pode producir ganancias enormes

Un novo informe de UNICEF resalta o enorme potencial que existe para reducir a brecha de supervivencia infantil entre os máis ricos e os máis pobres, se se loita contra a pneumonía e a diarrea, as dúas principais causas de mortalidade de nenos menores de cinco anos.

O informe Pneumonía e diarrea: loita contra as enfermidades máis mortíferas para os nenos máis pobres do mundo, identifica unha grande oportunidade para reducir a brecha de supervivencia infantil, tanto entre países coma dentro deles aumentando o compromiso, a atención e o financiamento. "Sabemos o que funciona contra a pneumonía e a diarrea, as dúas enfermidades que golpean con máis dureza aos máis pobres," dixo Anthony Lake, Director Executivo de UNICEF. "A expansión de intervencións sinxelas podería superar dous dos maiores obstáculos para aumentar a supervivencia infantil, e axudar a que cada neno teña unha oportunidade xusta para crecer e prosperar". A pneumonía e a diarrea son a causa de preto dun terzo das mortes de nenos menores de cinco anos, ou máis de 2 millóns de vidas cada ano. Case o 90% das mortes por pneumonía e diarrea se producen na África subsahariana e no sur de Asia. A prevención e o tratamento para ambas as dúas enfermidades a miúdo superpóñense, e inclúen medidas tan básicas como: incrementar a cobertura de vacinas; fomentar a lactación materna e o lavado de mans con xabón, a ampliación do acceso á auga potable e ao saneamento, a distribución de sales de rehidratación oral aos nenos con diarrea e a subministración de antibióticos aos nenos con pneumonía bacteriana.

O informe de UNICEF publícase pouco antes da posta en marcha dunha iniciativa global sobre supervivencia infantil en Washington DC, os días 14 e 15 de xuño, convocada polos gobernos de Etiopía, India e Estados Unidos con 700 líderes e expertos mundiais do goberno, o sector privado e a sociedade civil. O potencial de salvar a vida dos nenos é enorme se se aumentan as intervencións probadas e efectivas contra a pneumonía e a diarrea para alcanzar os nenos máis desfavorecidos. O informe afirma que as vidas de máis de 2 millóns de nenos poderían salvarse nos 75 países con maior carga de mortalidade se toda a poboación de nenos menores de cinco anos de cada país recibise a cobertura xa alcanzada polo 20% máis rico deses países. O informe presenta unha serie de datos que mostran os avances e desafíos nas últimas décadas. O coidado apropiado dos nenos con síntomas de pneumonía é fragmentado, xa que menos dun terzo dos nenos afectados reciben antibióticos. Os sales de rehidratación oral, unha resposta tradicional e de baixo custo para os nenos con diarrea, son aplicados a só un terzo dos nenos afectados nos países en desenvolvemento, o que supón un fracaso na aplicación dunha das intervencións de supervivencia infantil máis probadas e eficaces. Unha das formas máis simples e efectivas para protexer os bebés das enfermidades é a lactación materna exclusiva. Non obstante, menos do 40% dos nenos menores de seis meses nos países en desenvolvemento reciben leite materno exclusivamente, privándoos desta protección crucial. Nos países en desenvolvemento, os pobres teñen menos probabilidades que os ricos de acceder a estas intervencións que salvan vidas.

As novas vacinas contra as principais causas de pneumonía e diarrea xa están dispoñibles. O informe mostra que a maioría dos países de baixos ingresos introduciron a vacina contra o Haemophilus influenza tipo b (Hib). Mentres que as vacinas antineumocócicas combinadas están tamén cada vez máis dispoñibles, os países de baixos ingresos necesitan con urxencia introducilas nos programas rutineiros de inmunización. As innovacións tamén axudan a marcar a diferenza. O cinc e as pastillas de amoxicilina feitas especificamente para nenos e os sales de rehidratación oral con sabores e en paquetes son máis agradables para eles, así como os novos usos da tecnoloxía móbil e os SMS, permiten aos traballadores de saúde alcanzar comunidades remotas e outras áreas onde os nenos corren un maior risco. "A innovación axudou a salvar millóns de vidas, pode e vai salvar a moitos máis", concluíu Anthony Lake.

Para dispoñer de imaxes acceder a esta dirección :

https://unicefweb.unicef.es/com/supervivencia

Usuario:                              Refcom

Contrasinal:                      uce442087

Más información:

Peter Smerdon, UNICEF New York, Tel: + 1 212 303 7984, [email protected]

 Kate Donovan UNICEF New York, Tel: + 1 212 326 7452, [email protected]

 Raquel Fernández, UNICEF España, Tel: + 34 609 160 051 / 91 378 95 55 r[email protected]

www.unicef.es

Síguenos en Tuenti Facebook Twitter

Visita a nosa televisión dixital tv.unicef.es