Iemen: aumenta o número de nenos mortos por artefactos explosivos e minas terrestres

UNICEF quere manifestar a súa profunda preocupación polo aumento do número de nenos que son vítimas de minas terrestres e artefactos sen explotar en Iemen.  

Durante os tres primeiros meses de 2012, trece nenos morreron e outros 12 resultaron mutilados por minas ou artefactos explosivos sen detonar en 12 incidentes. En 2011, as municións ou minas sen detonar provocaron a morte de 28 nenos e feridas a outros 9. Destes, 18 nenos morreron e catro resultaron feridos tras explotar unha fábrica de armamento na provincia de Abyan en marzo do ano pasado. "Estas cifras son moi alarmantes", dixo Geert Cappelaere, representante de UNICEF en Iemen. "Só durante os tres primeiros meses de 2012, o número de mortes achégase ao de todo o ano 2011. " A principios desta semana, tres nenos morreron por bomba na provincia de Hadramout. Segundo funcionarios do goberno, os nenos ían camiño da escola. "UNICEF está profundamente preocupado por estes acontecementos e insta encarecidamente ao Goberno de transición de Iemen e a todas as partes involucradas a garantir, en todo momento, a seguridade de todos os nenos e o seu acceso sen condicións aos servizos sociais básicos", dixo Cappelaere. "Os nenos representan máis da metade da poboación de Iemen e é a nosa responsabilidade colectiva velar polo cumprimento dos seus dereitos e pola súa protección", engadiu .

Más información:

Dailo Allí
Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55
E-mail: [email protected]