ECHO contribúe con 600.000 euros aos programas de UNICEF contra o brote de cólera en Níxer

A Oficina de Axuda Humanitaria e Protección Civil da Comisión Europea (ECHO, polas súas siglas en inglés) contribuirá con 600.000 euros aos traballos de emerxencia que está a levar a cabo UNICEF para facer fronte ao brote de cólera en Níxer.

A contribución de ECHO permitirá a UNICEF e os seus aliados proporcionar medicamentos e pastillas potabilizadoras de auga ás comunidades afectadas, ensinar prácticas saudables de hixiene e garantir a rehabilitación dos puntos de auga, así como a desinfección das casas e lugares públicos. UNICEF traballa en estreita colaboración coa Organización Mundial da Saúde (OMS) para apoiar o Goberno de Níxer na loita contra a cólera. Dende xaneiro de 2012, as rexións de Dosso, Maradi,Niamey, Tahoua e Tillaberyvíronse afectados pola cólera. Detectáronse ata o momento 3.854 casos, 2,5 veces máis que no mesmo período do ano anterior. Esta enfermidade contaxiosa matou 83 persoas. Actualmente, os brotes de cólera seguen activos nos distritos de Tillaberi e Tera(rexión de Tillaberi), e no distrito de Konni (rexión de Tahoua).  

"A emerxencia de cólera en Níxer representa un problema engadido á grave crise alimentaria e nutricional que hai actualmente no Sahel. Debemos intensificar os nosos esforzos para evitar a propagación desta enfermidade", dixo Guido Cornale, Representante de UNICEF en Níxer. "A contribución de ECHO prodúcese nun momento crítico, porque estamos no medio da tempada de chuvias. As chuvias e inundacións axudan a que a enfermidade se propague máis rapidamente. O número total de casos está a aumentar. " "ECHO respondeu con rapidez ao grave brote de cólera detectada en Níxer", dixo Cees Wittebrood, Xefe da Unidade para o Oeste, Leste e Sur de África de ECHO. "O noso persoal en terreo traballou rapidamente cos organismos humanitarios para preparar un paquete coa axuda axeitada e suficiente para deter a propagación da enfermidade e tratar as persoas infectadas. "

A cólera transmítese pola inxestión de auga ou alimentos contaminados. Nun país como Níxer, que ten unha das taxas máis baixas de acceso a auga potable e saneamento de todo o mundo, as familias son especialmente vulnerables á cólera. Ademais de incrementar as medidas preventivas, a forma máis eficaz de controlar a cólera é facilitar o acceso a auga potable e educar as comunidades acerca da importancia dunha boa hixiene e de levar a cabo prácticas axeitadas de saneamento. A rexión de África occidental e central enfróntase a un grave brote de cólera, con taxas de mortalidade moi altas nalgúns países. En Níxer, o brote de cólera prodúcese mentres o país se enfronta a unha crise alimentaria e nutricional, e a chegada de refuxiados deMalí á parte occidental do país. Nas últimas semanas, Níxer sufriu graves inundacións que afectaron a 485.000 persoas e destruíu cultivos, acrecentando o temor de cara á próxima colleita.

Más información:

Dailo Allí, Xefe de Prensa de UNICEF España,  +34 609 160 051  [email protected]