Conflito de Sirya: grave estado nutricional dos nenos desprazados en tres provincias do país

Unha avaliación do estado nutricional dos nenos menores de cinco anos desprazados que viven en refuxios colectivos e en comunidades de acollida en Sirya, pon de manifesto un nivel 'grave' de desnutrición aguda global en tres provincias, e unha situación xeral de nutrición 'pobre' no país.

A Avaliación Rápida de Nutrición é o primeiro estudo a grande escala deste tipo que se completa dende o inicio da crise en Sirya en marzo de 2011.

O estudo pon de manifesto que tres provincias - HamaAlepo e Deir-ez-Zor - mostran taxas de desnutrición aguda global entre os nenos da mostra por enriba do 10%: unha situación nutricional considerada como 'grave' segundo os estándares da OMS. A taxa xeral de desnutrición aguda global foi do 7,2% mentres que a taxa de desnutrición aguda severa foi do 2,3% - niveis que indican unha 'pobre' situación de nutrición baseada na clasificación da OMS.

A avaliación tamén afirma que preto do 80% das familias desprazadas informaron da súa dependencia dunha combinación de axuda alimentaria e da compra de alimentos. Arredor do 29% das familias dixeron que antes da avaliación non tiñan suficiente comida para todos os membros da familia durante a semana, incluíndo a falta de acceso en moitos casos a carne, ovos e produtos lácteos. Destas familias, o 70% dixo que reduciran o seu número de comidas.

Unha información que se une á publicada o pasado novembro por OCHA
 no informe Sirya: Visión Xeral das Necesidades Humanitarias. Nel estímase que 4 millóns de nenos e mulleres necesitan previr a baixa nutrición e acceder a servizos de tratamento nutricional para nenos con desnutrición aguda no país.

"O estudo ofrece unha visión inquietante do impacto que a continuidade do conflito está a ter no estado nutricional dos nenos desprazados. Unha nutrición inadecuada ten riscos a longo prazo para o benestar dos nenos e pode levar á morte en casos extremos, se non se detecta a tempo e se trata," di Hanaa Singer, Representante de UNICEF en Sirya.

"Os nenos están a recibir asistencia nutricional en áreas accesibles, pero a situación nutricional é probable que sexa peor para os nenos naquelas zonas do país ás que é difícil acceder. "

Estase a avanzar, os resultados xa están mostrando a resposta humanitaria na nutrición dos nenos e permitindo un enfoque máis específico para axudar aos nenos que máis o necesitan", sinalou Singer.

En 2015, UNICEF necesita 21,1 millóns de dólares co fin de ampliar o seu programa de nutrición, fortalecer a prevención da desnutrición e a promoción de prácticas óptimas; avaliar o grao de nutrición de máis nenos; proporcionar maior apoio nutricional; e aumentar a formación nesta materia.

A Avaliación Rápida de Nutrición levouna a cabo o sector especializado en nutrición que traballa en Sirya xunto co Ministerio de Saúde e a Oficina Central de Estatística, e o apoio de UNICEF.


A avaliación levouse a cabo entre marzo e xullo de 2014 en 13 das 14 provincias de Sirya. Os enquisadores visitaron 3.361 familias desprazadas que vivían en refuxios colectivos e na comunidade de acollida. Avaliouse a situación nutricional dos preto de 4.500 nenos - a través dunha combinación de preguntas e medicións incluíndo a altura, o peso, a circunferencia media do brazo e comprobando tamén a presenza de edemas- recollendo datos completos de 3.514 nenos.

Acerca de UNICEF

UNICEF promove os dereitos e o benestar de todos os nenos e nenas en todo o que facemos. Xunto aos nosos aliados, traballamos en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os nosos esforzos en chegar aos nenos máis vulnerables e excluídos para o beneficio de todos os nenos, en todas as partes.

Más información:

Belén de Vicente, UNICEF España

Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55 [email protected]