UNICEF distribúe materiais de emerxencia para 20.000 nenos sirios e familias refuxiadas en Iraq

UNICEF enviou 100 toneladas de materiais de emerxencia a Erbil, na rexión iraquí do Kurdistán, para axudar a uns 20.000 nenos sirios refuxiados e as súas familias.

 

Estas subministracións foron transportadas por vía aérea urxente dende o almacén de subministracións de UNICEF en Copenhaguen, Dinamarca, para responder ás crecentes necesidades dos refuxiados sirios que se encontran en Iraq, que son xa máis de 200.000. Uns 50.000 chegaron nas dúas últimas semanas, sendo a metade deles nenos.

Este envío súmase aos 12 camións de subministracións que chegaron a principios desta semana dende o almacén de UNICEF enMersin, Turquía, e a outros catro que transportaron materiais de emerxencia a Bagdad, Iraq. Todos eles teñen como obxectivo aumentar a resposta de UNICEF ante o crecente número de refuxiados sirios que chegan a Iraq.

"Estas subministracións chegan xusto a tempo para satisfacer as necesidades urxentes dos máis de 20.000 nenos sirios que chegaron recentemente ao norte de Iraq", dixo Marzio Babille, Representante de UNICEF en Iraq.

Os materiais que se entregaron inclúen, entre outros: tanques de auga, billas públicas, latrinas, pastillas potabilizadoras de auga, sales de rehidratación oral, equipos sanitarios de emerxencia, kits de desenvolvemento da primeira infancia, material escolar e escolas temporais.

Estas subministracións puideron enviarse grazas a unha contribución de 4,38 millóns de euros realizada polo Goberno de Kuwayt, e á axuda de UPS, que custeou o transporte aéreo dende Copenhaguen.

UNICEF e os seus aliados traballan intensamente para poder prestar servizos básicos vitais a todos os nenos sirios refuxiados na rexión iraquí do Kurdistán e ás súas familias
 
Calquera persoa pode colaborar enviando unha mensaxe de texto coa palabra UNICEF ao 28028, ou realizando a súa contribución a través da web: www.unicef.es/siria

Para máis información sobre o traballo de UNICEF dentro de Sirya e nos países que acollen refuxiados, pica aquí.