UNICEF e a Xunta de Galicia rehabilitan escolas infantís afectadas polo furacán Irma en Cuba

Unha delegación da Xunta de Galicia e UNICEF España visita estes días os traballos de rehabilitación e reconstrución de varios centros educativos afectados polo furacán Irma en Cuba, en setembro de 2017.

UNICEF Xunta de Galicia escuelas infantiles Cuba

24/01/2019

Irma foi o primeiro furacán de forza 5 que afectou ao Caribe, e causou en Cuba a morte de 10 persoas e danos materiais en 2262 escolas, o 21% do total. A incidencia foi maior nas provincias da Habana, Matanzas, Camagüey e Ciego de Ávila.

Despois da catástrofe, UNICEF e o resto de axencias das Nacións Unidas presentes en Cuba, desenvolveron un Plan de Acción para proceder, xunto co Goberno da Habana, á rehabilitación dos chamados Círculos Infantís de Educación Preescolar.

Os Círculos Infantís son un novo concepto de coidado e atención a fillos de nais traballadoras de 1 a 6 anos de idade. Esta iniciativa forma parte dun programa do Goberno cubano apoiado por UNICEF onde as nenas e nenos reciben unha formación integral de calidade sobre saúde, alimentación, educación, protección, afecto ou comunicación; así como o desenvolvemento de hábitos e habilidades, sentimentos e competencias que os preparan para o seu ingreso na educación primaria e para a vida.

A delegación galega –encabezada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdirectora de Cooperación exterior, Pilar Romero- visitou os tres Círculos Infantís da Habana do Este onde se está a actuar (“Mi Barquito”, en Peñas Altas, e “Ismaelillo” e “Semilla Escondida”, en Alamar). Tamén mantivo senllas reunións de traballo con responsables de UNICEF en Cuba e membros do Goberno da illa.

A delegación conxunta de UNICEF España e a Xunta de Galicia tamén acudiu na Habana Vella a un Centro A+, un espazo dedicado a adolescentes, coa intención de coñecer o impacto deste tipo de centros entre a mocidade cubana. Ademais, visitaron a sede da Compañía de Danza de Litz Alfonso, unha recoñecida coreógrafa, directora e pedagoga cubana que en 1991 fundou a súa propia compañía na que participan uns 1200 nenos e adolescentes cubanos. Desde 2011, Litz Alfonso é embaixadora de Boa Vontade de UNICEF.

A educación, un dos eixos de actuación de UNICEF en Cuba

A educación é un dos tres eixos fundamentais de actuación de UNICEF en Cuba (xunto á saúde, a nutrición e a cultura de dereitos, protección e participación infantil). Neste sentido, o labor de UNICEF pasa por soster o acceso universal á educación preprimaria, primaria e secundaria, e mellorar a calidade educativa e a inclusión.

Dos 11 millóns de habitantes de Cuba, 2,5 millóns son nenos. Case dous millóns residen en zonas urbanas, e os menores de cinco anos representan o 7% da poboación.

¿Te gustaría hacer algo extraordinario hoy?

Hazte socio. Elige ahora tu aportación mensual.

¿Sabes que puedes recuperar hasta un 80% de tus aportaciones? Más info

Si prefieres, contacta con nosotros en el 900 907 074 de lunes a viernes de 9:00h a 21:00h y sábados de 11:00h a 17:00h | [email protected]

UNICEF e a Xunta de Galicia rehabilitan escolas infantís afectadas polo furacán Irma en Cuba