Supervivencia infantil: un millón de nenos morre durante o seu primeiro día de vida

Os índices de supervivencia infantil aumentaron radicalmente dende 1990.

Nestes 24 anos o número absoluto de mortes de nenos menores de 5 anos reduciuse á metade, de 12,7 millóns a 6,3 millóns, segundo o informe O compromiso coa supervivencia infantil: Unha promesa renovada lanzado hoxe por UNICEF.

A análise explica que os primeiros 28 días da vida dun recén nacido son os máis delicados. Case 2,8 millóns de bebés morren cada ano no primeiro mes dende o seu nacemento. Un millón destes nenos nin se queira chega a ver o seu segundo día de vida.

Supervivencia infantil: os primeiros 28 días de vida, os máis delicados

Moitas destas mortes poderían evitarse doadamente con intervencións simples e efectivas antes, durante e inmediatamente despois do nacemento.

O estudo apunta fallos no sistema sanitario durante o momento clave do parto como un factor significativo que contribúe a estas mortes innecesarias. Tamén mostra que hai unha diferenza considerable -entre países e entre ricos e pobres- na posta en marcha e a calidade dos servizos sanitarios dispoñibles para as mulleres embarazadas e os seus bebés.

Algunhas das principais conclusións deste estudo son:

  • Aproximadamente a metade das mulleres non recibe o mínimo recomendado de 4 visitas de atención prenatal durante o seu embarazo
  • As complicacións relacionadas co parto son a causa de aproximadamente un cuarto de todas as mortes de neonatos a nivel mundial. En 2012, un de cada tres bebés (ao redor de 44 millóns) chegaron ao mundo sen a atención médica axeitada.
  • As probas demostran que comezar a lactación materna na primeira hora dende o nacemento reduce o risco de morte dos neonatos nun 44%, pero só menos da metade de todos os recén nacidos no mundo benefícianse da lactación inmediata.
  • A calidade dos coidados é extremadamente insuficiente mesmo para as nais e bebés que están en contacto co sistema sanitario. Unha análise de UNICEF sobre 10 países con alta mortalidade indica que menos do 10% dos bebés que naceron con asistencia profesional recibiron os sete coidados postnatais necesarios, incluíndo a iniciación temperá á lactación. De forma similar, menos do 10% das mulleres que foron atendidas por persoal sanitario durante o embarazo, recibiron as oito intervencións prenatais básicas.
  • Aqueles países con algunhas das taxas máis altas de mortes neonatais tamén teñen unha baixa cobertura de coidados posparto para as nais. Etiopía (84.000 mortes; 7% de cobertura); Bangla Desh (77.000; 27%); Nixeria (262.000; 38%); Kenya (40.000; 42%).
  • As taxas de mortalidade en bebés nacidos de nais menores de 20 anos e maiores de 40 anos son máis altas.
  • O nivel educativo e a idade da nai teñen unha relevancia significativa nas probabilidades de supervivencia do seu fillo. As taxas de mortalidade dos fillos acabados de nacer de nais sen educación son case o dobre que as daquelas que recibiron educación secundaria e superior.

supervivencia infantil: Desigualdade no acceso a coidados sanitarios

A desigualdade, particularmente no acceso a coidados sanitarios, segue sendo alta nos países menos desenvolvidos: as mulleres dos fogares máis ricos teñen tres veces máis probabilidades de ser atendidas por persoal sanitario durante o parto que as dos fogares máis pobres.

A pesar disto, o informe suxire que a brecha de desigualdade na mortalidade de nenos menores de cinco anos se está a reducir de forma constante.

En todas as rexións, menos en África subsahariana, a proporción de mortes en nenos menores de cinco anos entre os sectores máis pobres da sociedade está a descender máis rápido que nos máis ricos. E o que é máis significativo, a nivel mundial, as persoas con menos recursos están a experimentar maiores avances en supervivencia que os seus compatriotas máis ricos.