República Democrática do Congo: máis de 600 escolas danadas polo conflito

A raíz dos recentes enfrontamentos que provocaron o desprazamento de máis de 130.000 persoas do Norte e Sur da Provincia de Kivu, as familias e as distintas partes involucradas no conflito ocuparon ou saqueado dende setembro unhas 250 escolas do Leste da República Democrática do Congo (RDC), segundo informa UNICEF.  

Os enfrontamentos rexistrados en Kivu do Norte provocaron danos en máis de 600 escolas,a metade só nos últimos tres meses. Dende abril, polo menos 240.000 estudantes perderon semanas de clase como consecuencia do conflito. UNICEF anunciou que os nenos comezaron a recibir novos kits escolares que foron distribuídos por aliados locais a semana pasada."O mes pasado, o acceso á educación no Leste da República Democrática do Congo pasou de malo a peor", dixo Barbara Bentein, Representante de UNICEF no país. "Algunhas escolas que se viron afectadas pola violencia en abril non se recuperaron aínda. Noutras escolas, os ataques limitaron o acceso á educación dos nenos congoleses. Traelos de volta á escola é vital para a súa protección, sobre todo en tempos difíciles. Cando non están na escola, os nenos de Kivu do Norte están máis expostos á explotación, a abusos ou á posibilidade de ser recrutados. "  

Moitas escolas  estanse a usar como refuxios

Nas últimas semanas, moitas das persoas que fuxiron da violencia fóronse refuxiando en escolas. En case todas as aulas ocupadas, o mobiliario escolar sufriu danos parciais ou quedou totalmente destruído. Os libros de texto e os pupitres foron utilizados como leña. Aínda así, os nenos e os mestres están a volver pouco a pouco ás escolas."Perder máis tempo na escolarización dos nenos sería un desastre", dixo Maker Mwangu Famba, Ministro de Educación Primaria, Secundaria e Profesional da República Democrática do Congo. Preocúpanos que moitos nenos poidan ter dificultades para poñerse ao día ou para facer os seus exames, mesmo que poidan perder o curso escolar ou abandonar. Cada hora conta. Estamos intentando asegurar, xunto aos nosos aliados, que todas as escolas estean abertas e en funcionamento tan pronto como sexa posible", agregou Maker Mwangu Famba. A finais deste ano, 80.000 nenos de Kivu do Norte recibirán kits escolaresdistribuídos polo Ministerio de Educación do país e outros aliados de UNICEF, para que as escolas poidan continuar as súas actividades. Moitas familias desprazadas que comezaron a regresar á casa teñen medo de enviar os seus fillos á escola. UNICEF realizou un chamamento a todas as partes implicadas no conflito para que desocupen as escolas e garantan que os nenos poidan ter acceso á educación de xeito seguro.

"Como pai estaba moi preocupado polo atraso académico que podían sufrir os meus fillos debido á crise. Así que estou encantado de ver que comezan as clases outra vez", dixo Arthur Mwanati Mudimba, pai de seis nenos en idade escolar. "Non obstante, a guerra minguou as miñas posibilidades económicas.Se a situación non mellora rapidamente, será difícil que os meus fillos poidan ir á escola, agregou. Como parte do traballo de emerxencia de UNICEF no Leste de República Democrática do Congo está previsto dar resposta ás necesidades académicas de 240.000 nenos, en colaboración co Ministerio de Educación Primaria, Secundaria e Profesional, para o cal se realizou un chamamento de case 6 millóns de dólares (4,64 millóns de euros) co fin de financiar as actividades educativas no Norte e Sur de Kivu nos próximos meses.  

Máis información en Emerxencia en República Democrática do Congo