María Solar, Amiga de UNICEF Comité Galicia

A escritora e xornalista, obtén este recoñecemento polo seu compromiso e implicación continuados na mellora da vida da infancia

María Solar

© UNICEF

20/09/2023

María Solar foi nomeada Amiga de UNICEF Comité Galicia polo seu elevado compromiso e implicación cos dereitos da infancia. O acto de nomeamento tivo lugar o martes 19 de setembro de 2023 na Biblioteca Pública Ánxel Casal en Santiago de Compostela.

“É bonito estar hoxe nesta biblioteca Ánxel Casal para recibir este nomeamento xeneroso de UNICEF. Os contos sempre foron a maneira idónea de explicarlles temas difíciles á infancia…” apuntou María Solar. “…Eu hoxe non podo máis que sentirme moi agradecida de que unha organización como UNICEF España aceptara a proposta de UNICEF Comité Galicia para facerme Amiga. É un orgullo, espero estar á altura, espero colaborar e divulgar todo o calado labor de UNICEF e creo firmemente que se todos queremos, os finais dos contos son necesariamente felices. Grazas, “amigos” do Comité Galicia de UNICEF.”, concluiu a escritora.

Ao longo do evento fixemos un percorrido polos fitos máis destacados da colaboración da xornalista e escritora con UNICEF.

Participación Infantil no programa cultural ZigZag da TVG

En 2022, no marco da XII Semana coa Infancia da CRTVG e UNICEF, 6 nenas e nenos participaron no programa cultural ZigZag que María Solar presenta. Os nenos e nenas convertéronse en presentadores, realizadores, rexedores e cámaras, contribuíndo no desenvolvemento do programa e permitíndolles relacionarse e coñecer de cerca as funcións que realizan os profesionais do mundo da televisión.

“Estiven no programa ZigZag. Sentinme moi importante. Eu era o rexedor”, Darío, de 10 anos, xunto a Victoria e Xabier, de 10 e 9 anos, contáronnos a súa experiencia tras participar no programa da TVG.

Presentación do informe sobre Tecnoloxía e Adolescencia en Galicia

Tamén no 2022, María implicouse na presentación do informe de UNICEF: Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia en Galicia. Relacións, Riscos e Oportunidades. María moderou a mesa redonda que tivo lugar na presentación do informe na Universidade de Santiago de Compostela (USC). A xornalista afondou, con expertos en psicoloxía e educación e os puntos de vista de dous adolescentes, en cuestións como o cyberbullying, as redes sociais e o seu impacto na saúde mental de nenos, nenas e adolescentes.

Participación no libro do 75 aniversario de UNICEF

“En 1803 veintidós niños de entre tres y nueve años transportaron en su cuerpo de España a América un nuevo hallazgo, la vacuna, para poner en marcha lo que fue la primera campaña de vacunación mundial… Hoy disponemos de vacunas seguras y eficaces que nos protegen de enfermedades graves, mortales o incapacitantes, pero no todos los niños del mundo disponen de asistencia sanitaria que se las proporcione”.

Este é un fragmento do texto que María Solar escribiu con motivo da edición do libro UNICEF. 75 años defendiendo los derechos de la infancia, editado para celebrar o 75 aniversario do nacemento de UNICEF e os 60 anos de historia de UNICEF España.

“Cando os nenos non son vacinados, poñemos en perigo a súa vida e a súa saúde, así como o crecemento e o desenvolvemento das nosas sociedades. É un feito que a pandemia da COVID-19 fixo retroceder a inmunización infantil en todo o mundo. Pero mesmo antes da pandemia, había demasiados nenos e nenas sen vacinar”, argumentou María Solar.

María Solar escribe Contaxio

A escritora responde á proposta de UNICEF Comité Galicia en tempos de pandemia creando Contaxio xunto a outros autores, un conto didáctico e emocional dirixido á infancia e adolescencia.

“Lucía Regueiro, Amiga de UNICEF Comité Galicia, e máis eu contactamos con María Solar, que entusiasmada coa proposta, suxire escribir un conto colaborativo, para o que fala con Ledicia Costas e Fran Alonso” expón Irene.

O conto, dirixido a nenos e nenas de Educación Primaria e primeiro ciclo de Secundaria, está dispoñible nas bibliotecas municipais, nas bibliotecas dos centros educativos e nos centros de protección á infancia de Galicia grazas ao apoio da Consellería de Política Social e de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

María Solar, Amiga de UNICEF Comité Galicia

Dado o seu enorme compromiso e interese pola situación e o futuro da infancia, a Comisión Permanente da Fundación UNICEF Comité Español nomeou a María Solar Amiga de UNICEF Comité Galicia.

Myriam Garabito, presidenta do Comité, deulle a benvida destacando que “para UNICEF Comité Galicia é un privilexio poder contar co apoio de personalidades coma ti, cunha implicación e un compromiso de tan alto nivel que, como acabamos de ver, levas demostrando ao longo dos anos”.

Ademais, manifestou que o seu talento e recoñecemento público continuarán axudando a difundir o traballo de UNICEF pola infancia máis vulnerable.

O acto foi retransmitido en streaming e está dispoñible na canle de YOUTUBE de UNICEF España.