A infancia e os dereitos dixitais na Gala dos Premios Mestre Mateo
Personalidades do ámbito da cultura e do audiovisual galego súmanse a UNICEF poñendo o foco na adolescencia e a súa relación coa contorna dixital.
25/03/2026
A Academia Galega do Audiovisual e a XXIV Gala dos Premios Mestre Mateo implícanse na defensa dos dereitos da infancia chamando a atención sobre un tema de tanta actualidade como é a relación que teñen os nenos, nenas e adolescentes co mundo dixital.
Así, personalidades do ámbito da cultura e do audiovisual galego, conscientes dos impactos emocionais e de convivencia que supoñen Internet e as redes sociais na mocidade, súmanse a UNICEF para sensibilizar sobre estes desafíos e a necesaria participación de toda a sociedade para poder proporcionarlles o acompañamento, ferramentas e educación que eles mesmos demandan.
Grazas ao impulso de Lucía Regueiro, Amiga de UNICEF Comité Galicia, moi comprometida co noso traballo e concienciada con esta problemática, os nenos e adolescentes tamén adquiriron protagonismo nesta gala.
“Agradecemos a colaboración da Academia Galega do Audiovisual e dos actores, actrices, directores e escritoras involucradas. Desexamos que sexa o inicio dunha colaboración frutífera e que impulse a implicación do sector cultural e audiovisual galego cos dereitos da infancia", destacou Irene Marín, coordinadora de UNICEF Comité Galicia.
Infancia, Adolescencia e Benestar Dixital
Confírmase a tendencia: os nenos, nenas e adolescentes viven hoxe máis conectados que nunca, entre redes sociais, notificacións, videoxogos e outras aplicacións dixitais. Esta transformación dixital modificou profundamente a contorna na que crecen, ofrecendo grandes oportunidades, pero tamén grandes riscos.
O recente estudo Infancia, Adolescencia y Bienestar Digital elaborado por Red.es, UNICEF España, A Universidade de Santiago de Compostela e o Consello Xeral de Colexios de Enxeñería Informática presenta datos sobre os que familias, centros educativos, administracións, sector tecnolóxico, medios, sociedade civil, investigadores e terceiro sector debemos poñer foco:
- A idade media de acceso ao móbil é de 10,8 anos.
- A idade de inicio no consumo de pornografía é aos 11 anos.
- 1 neno ou nena de cada 10 que dorme co móbil na habitación recibe proposicións sexuais dun adulto.
- O 92,5% dos e das adolescentes participa polo menos nunha rede social.
- O 26,5% xogan a videoxogos só recomendados para adultos (PEGI18).
Partindo dos datos recollidos nunha consulta realizada a case 100.000 nenos, nenas e adolescentes de toda España, este informe alerta de que a contorna dixital aínda non é segura e reclama garantir os dereitos da infancia en liña, equiparar a violencia dixital á física para efectos de protección e resposta, regular o uso de móbiles nos centros educativos e promover unha resposta conxunta – cunha estratexia nacional específica – de institucións, familias, escolas e sector privado, coa participación activa dos propios nenos e nenas.
"Escoitalos, acompañalos... e non deixar que as pantallas ocupen o noso lugar"
Durante a gala vivimos un momento moi especial cando outra das nosas Amigas do Comité Galicia, a escritora e xornalista María Solar, apelou á concienciación da sociedade ao facer entrega do Premio ao mellor comunicador/a.
Seguindo o fío de "Quererse ben", a canción que interpretou previamente Mondra, María deixábanos esta mensaxe tan significativa:
“Nesta gala do audiovisual, queremos poñer a atención na infancia. Quererse ben, querer ben aos nosos nenos tamén é atendelos, escoitalos, facerlles caso e impedir que as pantallas fagan esa función por nós.
O uso problemático de internet e das redes sociais está impactando no benestar emocional dos nosos nenos, da infancia, da adolescencia, das súas familias. E por iso, a Academia Galega do Audiovisual e eu como Amiga de UNICEF en Galicia, queremos sumarnos a promover a protección da infancia, dos nosos adolescentes, de todos eles, na contorna dixital. E iso, tamén é querernos ben.”
No vídeo colaboraron: Xoán Fórneas, Cris Iglesias, Alejandro Jato, Lucía Regueiro, Beatriz Serén, María Solar e Lucía Veiga. Ademais, participaron Alfredo, de Tomiño y Emily, de Viveiro, adolescentes que forman parte dos consellos locais de participación infantil e adolescente dos seus municipios no marco da iniciativa Ciudades Amigas da Infancia de UNICEF.
