Ébola en África: máis de 16.000 nenos perderon os seus pais pola epidemia

Uns 16.600 nenos perderon un ou a ambos os dous proxenitores, ou aos seus coidadores máis directos, a causa do ébola en Guinea, Liberia e Serra Leoa. A maioría están a ser acollidas polas súas comunidades. De feito, menos do 3% deles non están cos seus familiares próximos ou en centros de atención comunitaria nestes momentos.

"Tras vencer os seus prexuízos e medos iniciais sobre o ébola, as familias mostraron un apoio incrible, coidando e protexendo os nenos cuxos pais faleceron", explica o director rexional de UNICEF para África Occidental e Central, Manuel Fontaine. "Isto demostra a fortaleza dos lazos familiares e a extraordinaria resiliencia (capacidade de resistencia) das comunidades nun momento de grandes dificultades", agrega.

Dende UNICEF estivemos a axudar a identificar os nenos sen pais ou coidadores e proporcionándolles atención
e protección de forma inmediata, xa sexa a través dos membros da familia estendida, membros da comunidade ou familias de acollida. En Guinea, por exemplo, os 773 nenos que perderon ambos os dous pais encóntranse coas súas familias estendidas.
 
 

Ébola en África: acompañamos os nenos acollidos 

Os nenos e as familias que coidan deles reciben diñeiro en efectivo e apoio material, axúdaselles no acceso á escola, e asesóraselles para contribuír ao seu benestar emocional e psicolóxico. Ademais, realizar un seguimento dos nenos que están coas súas novas familias é un aspecto fundamental, xa que os nenos poden mostrarse emocionalmente vulnerables mentres choran a perda dos seus seres queridos.

Os nenos non acompañados que puidesen manter contacto físico cunha persoa con ébola ingresan nun centro de atención comunitaria, onde están en observación durante 21 días, o período máximo de incubación do virus. Nos tres países, o número total de nenos neste estado superou os 250; máis do 90% deles pasaron ao coidado de membros da súa familia estendida pouco despois do período de corentena.
 

Ébola en África: Supervivientes apoian os nenos

Dende UNICEF tamén desenvolvemos unha rede de superviventes de ébola que estiveron xogando un importante papel no apoio aos nenos afectados. Debido a que desenvolveron un nivel de resistencia á enfermidade, os superviventes poden interactuar fisicamente cos nenos que se encontran baixo observación, dándolles un 'contacto' que doutra forma non recibirían.

A identificación dos nenos máis vulnerables e a prestación de servizos foi un dos múltiples desafíos que xurdiron na resposta á crise do ébola nunha rexión onde o benestar social e a protección infantil xa eran débiles antes do estalido do brote.

"A medida que os países afectados polo ébola se encamiñan cara á recuperación, debemos aproveitar a oportunidade para mellorar os servizos de protección infantil para todos os nenos vulnerables", afirma Fontaine. "Temos a oportunidade de facer fronte a outras formas de vulnerabilidade que existían antes da crise do ébola, como o
matrimonio precoz, o traballo infantil, a violencia sexual e a explotación", engade.