Día Mundial da Auga

O 22 de marzo celébrase o Día Mundial da Auga. Este ano parte dunha boa noticia: o mundo cumpriu a meta do Obxectivo de Desenvolvemento do Milenio (7) sobre auga potable: reducir á metade a proporción de persoas sen acceso á auga potable.

E logrouse moito antes da data límite establecida en 2015, segundo o informeProgreso sobre a auga potable e saneamento 2012 publicado por UNICEF e a Organización Mundial da Saúde (OMS).  

Non obstante, aínda queda moito por facer. Actualmente 783 millóns de persoas en todo o mundo seguen sen ter acceso a fontes óptimas de auga potable. E isto afecta moi especialmente ás persoas que viven en áreas rurais.  

Diferenza entre as zonas urbanas e as rurais

Por esta razón,UNICEF pediu aos gobernos prestar especial atención ás persoas que viven nas zonas rurais, xa que se están a quedar atrás no que respecta aoacceso á auga potable e a servizos básicos de saneamento."Os gobernos deben asegurarse de que os seus recursos logran resultados reais para as persoas máis pobres", dixo Sanjay Wijesekera, Responsable de Auga, Saneamento e Hixiene de UNICEF. "Pola contra corren o risco de deixar grandes porcións das súas poboacións, especialmente os nenos, cada vez máis vulnerables ás enfermidades. "

 Dos 783 millóns de persoas aínda sen fontes melloradas de auga potable en 2010, 653 millóns son das zonas rurais. O panorama aínda é peor para o saneamento, o 79 por cento da poboación urbana de todo o mundo utiliza servizos de saneamento mellorados mentres que só o 47 por cento da poboación rural o ten. O 72 por cento dos que non teñen acceso a saneamento mellorado, isto é, 1.800 millóns de persoas, viven en zonas rurais.

UNICEF asegura que a desigualdade entre zonas rurais e urbanas en relación ao acceso a auga potable é particularmente importante nos países máis pobres. NaÁfrica subsahariana a brecha entre as zonas urbanas e rurais é de 34 puntos porcentuais. En media nos países menos desenvolvidos, 97 de cada 100 habitantes de zonas rurais non teñen instalacións de auga corrente.  

as mulleres e as nenas, as máis afectadas pola falta de auga

Segundo o informe, nos casos en que non é posible acceder doadamente ao abastecemento de auga, a carga de transportar a auga recae de xeito desproporcionado nas mulleres e nenas. As enquisas realizadas en 25 países de África subsahariana, revelan que no 71 por cento dos fogares sen auga, as mulleres ou as nenas son as principais responsables da recollida de auga. Cada familia adoita realizar polo menos unha viaxe ao día, e a miúdo máis, para transportar auga. Estímase que as mulleres dedican un total de polo menos 16 millóns de horas ao día a recoller auga potable, os homes dedican 6 millóns de horas, e os nenos, 4 millóns de horas.