Crise de Gaza: os nenos levan 23 días sufrindo ataques

Outra escola foi atacada en Gaza, e máis nenos morreron nun conflito no que semellante atrocidade se converteu en algo común.

Son demasiados os nenos de Gaza que levan 23 días vivindo entre o medo e o desespero.

As billas de auga secáronse e as augas residuais desbordáronse polas rúas, mentres que os traballadores sanitarios tratan de salvar vidas con escasa electricidade e un número insuficiente de medicamentos.

Polo menos 245 nenos morreron dende que comezou o conflito.

Crise de Gaza: polo menos 245 nenos morreron

Durante 23 días, os nenos de Israel viviron baixo a ameaza de ataques indiscriminados dirixidos aos seus fogares e as súas veciñanzas.

" Que esperanza teñen estes nenos -e as súas sociedades- se os adultos non cumpren coa súa responsabilidade de protexelos? Que están a aprender estes nenos acerca do modo en que deben comportarse cando sexan adultos? ", pregúntase Anthony Lake, director executivo de UNICEF

Polo ben dos nenos, todas as partes no conflito deben entrar en razón, permitir que os traballadores humanitarios axuden aos necesitados e chegar a un acordo para poñer fin a estes ataques agora mesmo, antes de que se perdan máis vidas inocentes, incluíndo as que son as máis inocentes de todas, as dos máis novos.