Conflito en Afganistán: aumentan as mortes de nenos en 2013

O número de nenos mortos ou feridos a causa do conflito en Afganistán aumentou un 30% en 2013 respecto ao ano anterior, segundo o informe global "Nenos e conflitos armados", publicado pola Secretaría Xeral de Nacións Unidas esta semana.

Polo menos 545 nenos resultaron mortos e 1.149 feridos en Afganistán en 2013, como resultado das accións de todas as partes do conflito.

A maioría de mortos e feridos foron causados por artefactos explosivos improvisados, artillaría sen explotar e minas terrestres.

CONFLITO EN Afganistán: colexios e hospitais atacados

As escolas e instalacións sanitarias continuaron sendo atacadas polas partes do conflito ou foron danadas indirectamente en enfrontamentos armados. Aproximadamente 115.000 nenos víronse afectados polo peche temporal ou permanente de 539 escolas debido á inseguridade, co maior número de afectados na rexión meridional. Máis de 60 profesores e persoal médico resultaron mortos ou feridos, secuestrados ou ameazados en 2013.

O recrutamento e a utilización de nenos polas partes do conflito, como combatentes ou para outros fins, seguen sendo unha preocupación importante. En 2013, rexistráronse polo menos 97 casos.

"Estamos profundamente preocupados polo significativo aumento de vítimas infantís e o desvastador impacto que o conflito segue tendo na seguridade, saúde e educación dos nenos en Afganistán", di Akhil Iyer, Representante de UNICEF en Afganistán. "UNICEF reitera o seu chamamento a todas as partes do conflito para que garantan a protección dos nenos de acordo ao dereito internacional humanitario e que se absteñan de toda acción que teña un impacto negativo na saúde, educación e outros servizos esenciais".